- Tematica
O Concello de Ames vén de publicar un bando municipal, a través do que se autoriza, con carácter excepcional, á instalación e utilización de pantallas ou televisores nas terrazas dos establecementos de hostalaría do municipio, para a retransmisión da final da Copa do Mundo de Fútbol, que vai ter lugar o vindeiro domingo 19 de xullo, ás 21.00 horas. Dita autorización está condicionada ao cumprimento dunha serie de normas recollidas no bando municipal.
O Concello de Ames vén de aprobar un bando municipal co obxectivo de favorecer o seguimento do acontecemento deportivo de especial interese social deste domingo, 19 de xullo, no que se decidirá o campión da Copa do Mundo de Fútbol, que van disputar as seleccións de España e Arxentina. Con esta iniciativa trátase de facilitar que a veciñanza, que así o desexe, poida ver en grupo a final do Mundial de fútbol, e ao mesmo tempo é unha medida que contribúe a dinamizar o sector hostaleiro do municipio.
Deste xeito, en base ao artigo 21.1.e da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local, en virtude á atribución que ten o alcalde de ditar bandos, e co obxecto de favorecer o seguimento da final da Copa do Mundo de Fútbol, que se vai xogar este domingo 19 de xullo, ás 21.00 horas, e en virtude do estipulado no artigo 27.6 da ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos do concello de Ames, autorízase con carácter excepcional, para a retransmisión da final da Copa do Mundo de Fútbol, á instalación e utilización de pantallas ou televisores nas terrazas dos establecementos de hostalaría do municipio.
Esta autorización estará condicionada ao cumprimento das seguintes normas:
-O uso das pantallas limitarase á emisión do evento para o que se concede a autorización.
-O volume do son deberá manterse nun nivel moderado, evitando molestias á veciñanza e respectando a normativa vixente en materia de contaminación acústica.
-Deberán respectarse en todo momento os horarios autorizados para o funcionamento das terrazas e cesará a emisión unha vez finalizado o evento ou alcanzado o horario de peche establecido.





