[30-08-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, continúan vendo as obras que se executaron nas parroquias do rural. Nesta ocasión achegáronse ata a parroquia de Bugallido, para comprobar o estado de varias actuacións que se realizaron nesta parroquia por valor de 20.132 euros. Así, arranxouse o parque infantil de Guimaráns e mellorouse o pavimento de tres camiños situadas nas Buceleiras, na Igrexa e en Eirapedriña. Ademais, estanse realizando traballos para ampliar a rede de abastecemento de auga nos lugares de Guimaráns e Quistiláns.



O goberno municipal continúa co seu compromiso de mellorar as condicións de vida da zona rural e de dotar de servizos aos lugares e as aldeas do concello. Desta volta, mellorouse o pavimento der tres pistas na parroquia de Bugallido. Deste xeito, arranxouse o camiño das Buceleiras, que sube ao carón da fonte deste lugar. Esta actuación que se realizou en 737 metros cadrados tivo un custo de 5.621 euros. Tamén se realizou unha actuación de mellora en 450 metros cadrados do camiño da Igrexa (vindo por Firmistáns), que tivo un custo de 3.572 euros. Por último, mellorouse o firme do camiño de Eirapedriña (a pista que pasa ao carón da casa rural desta aldea) o que supuxo un gasto de 6.705.
Nos tres camiños realizáronse traballos de mellora do firme cun dobre tratamento asfáltico. Ademais, no camiño de Eirapedriña arranxáronse as canalizacións de pluviais que están rotas e afundidas. O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “son tres obras moi necesarias que facía tempo que se reclamaba o seu arranxo, e como se pode comprobar seguimos traballando na mellora do rural amesán. Nestas obras o Concello investiu 15.898 euros”.
Asemade, arranxouse o parque infantil de Guimaráns. Limpáronse e arranxáronse os diferentes elementos de xogo existentes en dito parque e limpouse a area do chan. Asemade, colocouse un cartel informativo e realizáronse as adaptacións necesarias para que dito parque dispoña do certificado que acredita o cumprimento da normativa. Unha actuación necesaria para que os nenos e nenas deste lugar de Bugallido poidan utilizalo en perfectas condicións e que foi solicitada polos veciños e veciñas do lugar. Nesta actuación investíronse 4.234 euros.
Ampliación da rede de abastecemento de auga
Por outra banda, vanse investir 40.559,96 euros, procedentes do Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación de A Coruña, para executar obras de ampliación de abastecemento de auga nos lugares de Guimaráns e Quistiláns, da parroquia de Bugallido. O alcalde de Ames, José Miñones, apunta “seguimos a cumprir o compromiso adquirido coa veciñanza de estender ao rural as canalizacións de saneamento e abastecemento de auga. Neste caso, ampliamos a rede de abastecemento e levamos a auga a dúas aldeas de Bugallido que carecían deste servizo básico e que fai tempo o reclamaban”.




