Pestanas principais

O Concello aproba a concesión de 60.000 euros en subvencións a dezaseis entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

Venres, 04 de agosto de 2023

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o pasado 27 de xullo, a concesión de axudas para o exercicio 2023 a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, para a promoción de actividades de servizos comunitarios e inclusión social. Un total de dezaseis entidades recibirán 60.000 euros para promover actividades complementarias aos servizos sociais, que favorezan a inclusión, a saúde pública ou a formación laboral.

Nesta ocasión, os fondos repartiranse entre Arcea Adames, ASPSSC, Caritas Ortoño, Caritas Milladoiro, Igaxes 3, AGASOL, Fundación Pictoaplicaciones, Acougo, Alcer, Asociación Amigos do Camiño Portugués, AECC, Fonte da Virxe, COGAMI, Fundación Tierra de Hombres, Fundación INGADA e Fundación Amigos de Galicia. En total, seis entidades máis que no ano 2022. Os fondos serán destinados a propostas formativas, cobertura de materiais e á cobertura doutras necesidades básicas.

O importe total da liña de subvencións era de 60.000 euros, ao igual que en 2022, da cal se consumiu a práctica totalidade dos fondos, xa que se repartirán 59.994,62 euros.

Agora, para percibir a cantidade íntegra da axuda, as entidades deberán xustificar un gasto polo importe total da subvención concedida incrementada nun 20%. No caso de que as actuacións se realizaran entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2023, as entidades deberán xustificar o seu gasto antes do 31 de agosto. Por outra banda, se os proxectos van ser realizados e aboados entre o 1 de xullo e o 30 de novembro de 2023, deberán realizar á xustificación antes do 10 de decembro.

23 proxectos a desenvolver
A concesión das axudas ás dezaseis entidades repartiuse entre vinte e tres proxectos. Deste xeito, a Arcea Adames correspóndenlle 3.183,20 euros para o proxecto “Autonomía persoal” e outros 3.183,20 para “Educación emocional e intervención en comunicación e linguaxe”. Pola súa banda, a ASPSSC correspóndenlle 2.757,92 euros para “Interpretación de linguaxe de signos”. Cáritas Ortoño desenvolverá os proxectos “Alugueiros” e “Necesidades básicas”, para os que se fai con 2.906,40 euros, respectivamente. Pola súa banda, Caritas Milladoiro levará a cabo “Empowerment” (cunha subvención de 2.629,50 euros), “ARETÉ” (cunha axuda de 3.183,20 euros) e “Homesafe” (tamén cunha axuda de 3.183,20 euros).

Igaxes 3 contará cunha axuda de 2.768 euros para “Competencias familiares” e outros 2.768 para “Escola de vida”. Así mesmo, AGASOL terá 3.321,60 euros para a “Oficina de voluntariado informático e Banco de reciclaxe electrónico”. Tamén a Fundación Pictoaplicaciones recibirá unha subvención de 3.183,20 euros para a iniciativa “Pictocomunicador”.

Acougo conta con dous proxectos: “Unha caixa de ferramentas” e “Familias plus”, e cada un deles recibirá 2.076 euros. ALCER, con outros dous: “Información orientación” e “ALCER – 7 vidas”, que recibirán 800 euros respectivamente. A Asociación Amigos do Camiño Portugués contará con 2.214,40 euros para desenvolver “A túa pegada”, e AECC 2.768 euros para “Actividades 2023”.

No caso de Fonte da Virxe, o proxecto a desenvolver é “Acompañamento integral no rural”, que se dotará con 2.491,20 euros, ao igual que “Atención a persoas con discapacidade”, de COGAMI. Por outro lado, Fundación Tierra de Hombres recibirá 2.214 euros para “Viaxe cara a vida”, e Fundación INGADA 3.321,60 euros para “Xuntos somos máis”. Por último, Fundación Amigos de Galicia levará 2.768 euros para “Plan integral contra a pobreza e exclusión social”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Subvenciones para 16 entidades que complementan los Servizos Sociais en Ames"

La Voz de Galicia: "Ames aprueba la concesión de 60.000 euros a 16 entidades sociales sin ánimo de lucro"

Imaxe de arquivo das oficinas de servizos sociais do Milladoiro