Pestanas principais

O Concello apoia a Igaxes na difusión da Campaña “Non nos xulgues” para a radicación do estigma dos mozos/as tutelados

Mércores, 16 de xuño de 2021

“Os mozos e mozas tutelados non son máis conflitivos que outros nin máis problemáticos, simplemente non contaron cun fogar seguro no que vivir e medrar”. Con esta idea nace “Non nos xulgues”, a campaña a través da que Igaxes pretende radicar o estigma ao que en moitas ocasións se ven sometidos os rapaces/as que viven tutelados/as baixo o apoio de profesionais socio educativos. O concello de Ames, a través da concellaría e Benestar Social, colabora con esta asociación na posta en marcha de varios programas de educación familiar e dos servizos socio comunitarios básicos. Tamén organizan charlas  nos IES de Ames.

Igaxes é a organización responsable de desenvolver o programa Mentor, que acompaña a mocidade tutelada no seu camiño cara a vida independente. A campaña “Non nos xulgues” nace coa intención de acabar cos prexuízos sociais que afectan aos máis de 1.000 nenos e nenas que viven en centros de protección de Galicia porque carecen do respaldo dunha familia.

“Unha boa parte da sociedade pensa que fixeron algo malo e mira para eles coa reticencia de quen está diante dun delincuente ou de alguén que lles pode facer mal”, comenta a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo. Feijóo manifesta o seu convencemento de que esta é unha campaña absolutamente necesaria e lembra as actividades que decotío o seu departamento fai en colaboración con Igaxes: “Desde hai tempo esta ONG colabora con nós a través de distintos programas; precisamente agora estamos estreitando a colaboración coa preparación de dous programas de competencias familiares: un para familias con nenos e nenas de entre 7 e 11 anos e outro para familias que teñen mozos e mozas de 12 a 16 anos; ademais traballamos con eles o programa de ocio “Escola de Tardes” para mozos/as de entre 14 e 18 anos, un programa de ocio saudable onde se crean espazos de seguridade e se realizan actividades ao redor da arte urbana”.  
 
Na campaña nonnosxulgues.gal,algúns dos mozos e mozas que viven nesta sitación narran as súas propias experiencias coa única vontade de compartir a súa realidade e derrubar prexuízos. Nas redes, a voz destas persoas espállase a través do hashtag #NonNOsXulgues.

Tanto os rapaces e as rapazas implicadas como Igasex e a concellaría de Benestar Social de Ames animan á cidadanía a compartir esta mensaxe para que acabar co estigma se converta nunha misión colectiva.

 Campaña “Non nos xulgues”

Multimedia

  • Francesca
  • Monse
  • Diógenes