- Tematica
Seguindo as instrucións recibidas pola Fegamp e a Secretaría de Cooperación Internacional, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, vén de poñer en marcha un rexistro municipal de familias de acollida para persoas refuxiadas de Ucraína. Ademais, a través de Arcea-Adames, JUPEMI, as persoas integrantes do programa Amessan e do Consello Sectorial de Nenas e Nenos, faranse camisetas solidarias, chapas e pulseiras que se porán a venda nun acto solidario a favor das persoas refuxiadas de Ucraína que se celebrará na semana do 21 de marzo.
Unha vez máis Ames demostra que é un concello solidario e implicado en diferentes iniciativas que xorden co obxectivo de axudar en campañas solidarias. Neste caso, ponse en marcha unha campaña para elaborar un rexistro municipal de familias de acollida para persoas refuxiadas de Ucraína. Esta iniciativa está coordinada entre a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e mailo Servizo de atención ao migrante (SAMI).
As persoas que queiran participar nesta iniciativa deben escribir un correo electrónico ao enderezo leonardo.pena@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 37 70 44. Haberá que achegar nome e apelidos da persoa solicitante, número de persoas que integran a unidade familiar, DNI, correo electrónico, teléfono de contacto, enderezo da vivenda, metros cadrados da vivenda, e mailo número de persoas que poden acoller.
Iniciativa solidaria para recadar de fondos
Ademais, a través de Arcea-Adames, JUPEMI, as persoas integrantes do programa Amessan e do Consello Sectorial de Nenas e Nenos, faranse camisetas solidarias, chapas e pulseiras que se porán a venda nun acto solidario a favor das persoas refuxiadas de Ucraína que se celebrará na semana do 21 de marzo. O obxectivo é recadar fondos para enviarlle ao pobo ucraíno. Esta iniciativa tamén está coordinada entre a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e mailo Servizo de atención ao migrante (SAMI).
Deste xeito, esta mañá a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, acompañada de persoal da OVA e do SAMI visitaron ás instalacións da asociación Arcea-Adames, para achegarlles camisetas que decorarán para posteriormente vender no acto solidario que se organizará. Alí estiveron falando coas integrantes de dita asociación e déronlle as grazas por colaborar nesta iniciativa. Para a semana farán o mesmo con JUPEMI, obradoiros de Amessan e Consello Sectorial.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, dixo “agradezo a boa acollida destas iniciativas por parte dos diferentes colectivos aos que llo propuxemos e a tódalas persoas que se están achegando e chamando para preguntar como poden axudar. Ames é un concello acolledor e solidario gracias a súa veciñanza”.
Novas relacionadas
Enfoques: "El Concello Ames pone en marcha un registro municipal de familias de acogida para refugiados de Ucrania"
AMSGO!: "Ames fará un rexistro de familias de acollida para refuxiados de Ucraína"





