[02-03-2016] O Concello de Ames adhírese, un ano máis, ao programa TODOCOSMOS, organizado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela. O Concello de Ames reiterou este ano a súa vontade de participar. O programa de 2016 incluirá este ano actividades a realizar nas parroquias amesás.
A concelleira de Medio Ambiente, móstrase enormemente satisfeita ante " o balance de persoas que se achegaron ás actividades ao longo do pasado 2015". Salienta que "nalgunha sesión houbo cen ou máis persoas, polo que se repetiu a experiencia varias veces" e ademais expresa o seu desexo de que "se repitan esas boas experiencias tamén este ano". A iniciativa TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT , e nela participaron en 2015, ademais de Ames, os concellos de Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo e Vedra, así como a empresa Óptica Val.
TODOCOSMOS realiza cada curso un percorrido por distintos concellos galegos para, da man do Observatorio, achegar aos seus veciños e veciñas ao mundo da astronomía. As actividades planificadas para acadar este obxectivo contan sempre coa colaboración dos Concellos dos municipios participantes e están pensadas para todas as idades.
En Ames, ao longo do 2015 desenvolvéronse tres xornadas de observación astronómica, nalgunha das cales se achegaron en torno a 100 veciños e veciñas. Guiados e axudados por investigadores e monitores do Observatorio os que asistiron a estas sesións descubriron máis de preto os cráteres da lúa, os aneis de Saturno ou o nome de estrelas, nebulosas ou constelacións.
Coa colaboración do Departamento de Medio Ambiente o Observatorio organizou ademais un obradoiro en torno aos reloxos de sol na Aula da Natureza. Os rapaces e rapazas dun dos campamentos de verán do 2015 aprenderon máis sobre este método de medición do tempo cuxo uso se remonta ao Antigo Exipto. O Observatorio convidou, ademais, aos amesáns e as amesás a desprazarse ás súas instalacións para contemplar a eclipse solar que tivo lugar o 20 de marzo de 2015.
Un dos obxectivos do Concello de Ames nas actividades deste ano é trasladar algunhas das sesións de observación astronómica tamén ás parroquias. Ademais, no alto de San Marcos, terá lugar unha xuntanza para estudar as constelacións dende un observatorio natural privilexiado. O programa inclúe tamén charlas e obradoiros nos centros escolares, das que participan por agora o CEIP Agro do Muíño e o de Barouta, aínda que a concellaría de Medio Ambiente agarda que se sumen máis centros a esta iniciativa.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Observación astronómica en el medio rural amiense"




