[29-05-2017] O Concello de Ames vén de rematar os traballos de acondicionamento dun antigo parque infantil, que estaba en desuso, e converteuno nun parque para cans. Estas instalacións están situadas na rúa Figueiras, detrás do cuartel da Garda Civil do Milladoiro. As persoas que leven as súas mascotas a este parque terán que cumprir unhas normas de uso do parque. Nos vindeiros días instalaranse dúas papeleiras expendedoras de bolsas para recoller os excrementos dos cans. Asemade, recórdase que se está desenvolvendo unha campaña para concienciar aos propietarios de mascotas da importancia de recoller os excrementos dos seus animais. No caso de non facelo, poderase sancionar aos veciños e veciñas con multas que poden ir dende os 100 ata os 500 euros.
Os veciños e veciñas do Milladoiro que teñen cans poderán facer uso dun novo parque para mascotas que está situado na rúa Figueiras, detrás do cuartel da Garda Civil. Este parque foi acondicionado para o uso exclusivo destes animais. As obras de acondicionamento xa están rematadas. Tan só quedan por colocar dúas papeleiras expendedoras de bolsas para recoller os excrementos dos cans. As persoas que leven as súas mascotas a este parque terán que cumprir unhas normas de uso do parque.
As persoas propietarias dos cans son as responsables do seu comportamento e dos danos que poidan orixinar. Deben mantelos vixiados en todo momento para evitar que causen molestias ou danos ás persoas e aos outros cans. Os excrementos terán que recollerse e depositalos de xeito hixiénico nos lugares habilitados para tal fin. Os cans considerados potencialmente perigosos terán que ir con bozo e correa. Está prohibida a entrada a cadelas en celo ou de animais enfermos. Por último, está prohibido dar de comer aos cans dentro deste recinto.
A parcela destinada ás mascotas ocupa un espazo de case 3.000 metros cadrados, en dous niveis de altura e comunicados ambos por unhas escaleiras de madeira na terra. Para a preparación desta área fíxose un peche perimetral de malla e poste, ademais de colocar un banco de pedra e papeleiras.
Este é primeiro parque para mascotas que se habilita en Ames, e desde os departamentos de Medio Ambiente e Obras estase a traballar para a posta en marcha doutro espazo en Bertamiráns, nunha zona próxima ao río Ameneiral. A previsión é que entre en funcionamento antes de que remate este ano. O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que "atendemos a unha demanda histórica dos propietarios e propietarias de mascotas que levaban tempo pedindo un espazo, agora confiamos que se lle dea un bo uso e se respecten as normas fixadas".
Campaña de sensibilización e concienciación
Ademais, recórdase que se puxo en marcha unha campaña para tratar de implicar á veciñanza amesá e concienciar ás persoas que son propietarias dalgunha mascota da importancia que ten limpar e recoller os excrementos dos seus animais. Deste xeito, o incumprimento da normativa, tipificada como infracción leve, vai ocasionar sancións a todas aquelas persoas que non respecten a súa obriga de recoller os excrementos dos seus cans. Nesta iniciativa colabora a Policía Local que vai extremar a vixilancia neste eido.
As sancións económicas irán dende os 100 ata os 500 euros, segundo se recolle na modificación de lei 1/93da lei 8/2014 de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, na que se citan as mencionadas sancións. Os ingresos procedentes das sancións impostas polos órganos competentes da administración xeral da comunidade autonómica por infraccións da devandita lei deberán destinaranse a actuacións que teñan por obxecto o fomento da protección de animais.

Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ames acondiciona no Milladoiro un parque para cans"
La Voz de Galicia: "Milladoiro cuenta con un parque canino de 3.000 metros cuadrados"




