Pestanas principais

O Concello abre un período para recibir propostas dos vendedores/as ambulantes co obxectivo de decidir o novo emprazamento do mercado de rúa de Bertamiráns

Venres, 16 de outubro de 2020

Até o día 21 de outubro, os vendedores/as ambulantes poderán facer propostas en torno o emprazamento no que queren que se sitúe o mercado de rúa que se desenvolve os sábados pola tarde en Bertamiráns.  Por mor da normativa de loita contra a pandemia, o mercado de Bertamiráns trasladouse temporalmente á rúa do Sar, emprazamento que non se axeita ás inclemencias metereolóxicas do inverno. A decisión de facer esta consulta tomouse despois da reunión que o alcalde José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz e o técnico do departamento, Jorge Couñago, mantiveron o día 14 cos profesionais da  venta ambulante. As suxestións poderán presentarse a través do enderezo electrónico  promocioneconomica@concellodeames.gal  ou en calquera dos rexistros municipais. Unha vez que se reciban e se avalíen todas as propostas, escollerase por votación á que máis conveña.

Desde o mes de xuño e por mor das medidas de prevención para  facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o mercado de rúa de Bertamiráns situouse temporalmente na rúa de Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias.e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. A decisión deste cambio respondía a necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse de xeito consensuado coas asociacións de comerciantes e de ambulantes mais representativas e co obxectivo de que puidesen estar no mercado o cen por cen dos postos.

Agora, coa chegada do inverno, o comercio ambulante precisa para o desenvolvemento óptimo da súa actividade localizacións que o protexan das inclemencias do tempo e a rúa do Sar no cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia que caracterizan esta estación. Ademais, o mercado ambulante funciona como eixo de atracción da cidadanía para o consumo de bens e servizos, polo que a súa reactivación convértese en cuestión prioritaria para o departamento de Promoción Económica “E necesario -manifesta a concelleira Ana Belén Paz- que o eixo económico da localidade volte a confluír ao redor da Casa consistorial. A influencia do mercado nas rúas lindeiras para a reactivación económica da vila é incuestionable, e establece o eixo principal do desenvolvemento comercial e hostaleiro da localidade”.

Por todo isto o concello de Ames convocou unha reunión para o pasado 14 de outubro de 2020 co fin de coñecer de primeira man o parecer dos vendedores ambulantes sobre o novo emprazamento. Tras esta reunión, á que asistiron o alcalde de Ames, a concelleira de promoción económica, Ana Paz e o técnico municipal da area, estableceuse un período de propostas para os vendedores ambulantes ata o 21 de outubro. As propostas poderán presentarse por correo electrónico promocionecoonomica@concellodeames.gal, ou por calquera dos sistemas de rexistro municipais.

Unha vez que se reciban todas as propostas, e tras avaliar a viabilidade das mesmas, escollerase por votación a que máis conveña. “Farémolo a través dun proceso participativo no que se pretende implicar aos vendedores ambulantes e tamén cumprir as demandas dos comerciantes referentes a necesidade de que o mercado regrese as rúas do centro de Bertamiráns”, salienta a concelleira Ana Paz. .

O Concello de Ames, a través da concellaría de promoción económica, ten entre os seus principais obxectivos velar polo bo desenvolvemento económico do municipio. O mercado de venda ambulante de Bertamiráns favorece este obxectivo, ao funcionar  como un punto de unión entre a cidadanía, e como eixe vertebrador da actividade comercial do municipio. Desenvólvese ademais coa se fose un mercado comarcal, posto que é o único mercado con horario de tarde na contorna, e propicia a afluencia de visitantes de diferentes concellos como Santiago, Teo, Negreira e Brión. Esta situación permite que o tecido comercial amesán xire entorno ao eixo do mercado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Fin de prazo hoxe para reubicar o mercado dos sábados en Bertamiráns"

Reunión cos vendedores ambulantes no Auditorio de Bertamiráns

Multimedia

  • Participaron o alcalde, a concelleira de comercio e o técnico do departamento