Pestanas principais

O concelleiro en funcións de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración fai balance dos proxectos postos en marcha durante os últimos vinte meses

Martes, 07 de xuño de 2011

[07-06-2011] A Concellaría de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración levou a cabo unha fonda reestruturación do departamento e dos servizos das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), a posta en marcha da Lei Orgánica de Protección de Datos (LOPD) e toda a infraestrutura necesaria para o seu desenvolvemento e aplicación no Concello, o estudio e análise de uso dos sistemas informáticos e periféricos, así como do control dos mesmos e a preparación das infraestruturas necesarias para a implantación da Administración electrónica. Foron moitas os aspectos que eran necesarios estruturar no Concello para construír uns piares firmes de cara a implantación dos procedementos administrativos que mellorarán a atención dos veciños/as.

Dende a súa chegada ao goberno municipal en setembro de 2009, Jose Miñones, encargouse de xestionar a concellaría de Sanidade, Reforma Administrativa e Calidade na Administración. En pouco máis de 20 meses, Miñones coordinou varios proxectos, todos encamiñados cara a implantación da administración electrónica. O concelleiro en funcións desta área compareceu en rolda de prensa para facer balance dos proxectos postos en marcha dende a súa toma de posesión. Esta rolda de prensa enmárcase dentro do programa que está levando a cabo o goberno en funcións de Ames para realizar un proceso de sucesión ordenada.

Así as actuacións nas que se foi traballando nestes últimos vinte meses foron a creación do Centro de Procesamento de Datos (CPD), que é unha instalación técnica cunhas características específicas que permiten albergar os distintos servidores municipais. O Concello tiña anteriormente tres servidores con xestión propia que daban servizo a diferentes edificios administrativos. Ademais contábase cun cuarto servidor cedido pola Deputación. Esta situación de disgregación solucionouse coa creación do CPD nunha situación centralizada de todos os servizos e recursos necesarios para o procesamento de información e das comunicacións.

As diferentes tecnoloxías instaladas en dito CPD permiten o traballo diario dos distintos departamentos municipais, a interconexión entre os traballadores e os procedementos administrativos, que ao mesmo tempo están dispoñibles na internet para os cidadáns. Ademais permitirá o despregue doutro tipo de servizos internos que posibilitarán unha mellora no rendemento e na produtividade. Unha das tecnoloxías implantadas permite asegurar que durante as 24 horas dos 365 días do ano estean dispoñibles ditos servizos mediante sistemas redundantes e de tolerancia a fallos, así como de sistemas de alimentación ininterrompida e de protección contra desastres.

Instalación da fibra óptica

Este equipamento informático realiza a función de soporte telemático e realiza funcións de xestión, para o que dispón dunha serie de ferramentas informáticas. A dotación do diverso equipamento do que consta o CPD permite afrontar os desafíos actuais e futuros da administración electrónica. Como complemento ao CPD levouse a cabo a primeira fase do despregue dunha rede de fibra óptica co obxectivo de conectar todos os edificios públicos de Bertamiráns. A conexión, a través de fibra óptica, do CPD cos diversos edificios administrativos do concello, permite incrementar a velocidade dos procesos de transmisión de datos facilitando así os procesos levados a cabo polos empregados e empregadas municipais.

Para un bo funcionamento interno e externo dos procedementos administrativos na Administración electrónica, así como para un incremento da velocidade e calidade dos servizos ofertados polo Concello apostouse por un anel de fibra óptica en propiedade entre os diferentes edificios Administrativos. O obxectivo deste proxecto foi dotar ao núcleo urbano de Bertamiráns dunha infraestrutura básica constituída por unha rede de fibra óptica que conecta os diferentes edificios municipais situados nesta localidade.

Esta rede vai a quedar en propiedade do Concello de Ames, non tendo que pagar aluguer algún por dita infraestrutura. Os edificios municipais de Bertamiráns que están conectados mediante o anel de fibra óptica son a Casa do Concello, a Casa da Cultura, o Pazo da Peregrina, a Escola Infantil O Bosque, os departamentos da Policía local, Urbanismo, Contratación e Intervención e o novo Centro de Proceso de Datos (CPD). A lonxitude estimada do trazado da rede principal de fibra óptica é de 2.500 metros.

A rede está composta por 64 fibras e a infraestrutura realizada a través do anel de fibra óptica será capaz de proporcionarlle un soporte ao tráfico xerado polas comunicacións internas actuais dos servizos municipais, entendendo como tales os servizos de telefonía, vídeo, datos, rede semafórica, etc..., así como futuros servizos non contemplados nun principio. O deseño da rede permitirá futuras ampliacións tanto na súa capacidade como nas súas conexións. A rede que se instalou está composta por oito tubos. Cada un destes tubos dispón de oito fibras polo que en total a rede está composta por 64 fibras.

Hai que sinalar que o Concello ten previsto a utilización de tan só un tubo de oito fibras para os distintos servizos municipais, polo que a capacidade sobrante poderíase empregar para outros fins. Deste xeito, contémplase a posibilidade de empregar a capacidade sobrante da rede, tanto nas canalizacións como nas propias fibras ópticas non usadas, para permitir a súa utilización por parte das compañías distribuidoras de servizos telefónicos e de banda ancha, ou por empresas locais que necesiten unir varios centros de produción, para encamiñar os seus servizos de comunicación ao longo do trazado da mesma en réxime de aluguer, o que permitirá o retorno do investimento feito. Este sería un xeito de costear parte dos gastos derivados da conservación da propia rede.

Administración electrónica

Outra das iniciativas levadas a cabo, e unha das máis importantes, é a implantación da Administración electrónica. Grazas a unha subvención do Ministerio (Plan Avanza) os pasos que xa se deron van encamiñados a implantación da mesma nos próximos meses. Elaborouse unha primeira fase do proxecto denominado e-tramit@mes que posibilitou ter un coñecemento preciso e exhaustivo das necesidades. Nesta fase realizouse un estudio para saber que procedementos son necesarios na implantación da administración electrónica, tanto para uso interno entre os distintos departamentos municipais, como para a relación vía telemática coa cidadanía.

Agora levarase a concurso o proxecto de implantación destes procedementos para que as empresas que o desexen presenten as súas ofertas. Nos pregos do proxecto figura que as empresas deberán de presentar un proxecto para implantar como mínimo 80 procedementos, valorándose con ata 35 puntos a ampliación do número de procedementos ata os 155 ou máis. Todo este proceso está intimamente relacionado e coordinado coa implantación doutros procedementos administrativos que se está levando a cabo dende a Xunta de Galicia e a FEGAMP.

Fomento e modernización da Páxina web

Ademais vense de renovar a páxina web do Concello, que dispón dun aspecto moito máis moderno e está preparada para acoller os procedementos administrativos que se implantarán dentro do programa da administración electrónica. Como novidade introduciuse un apartado dedicado ao audiovisual, no que se poden visualizar vídeos e diferentes galerías de imaxes, e un mapa turístico xeorreferenciado que recolle os principais puntos de interese patrimonial.

Ao mesmo tempo tamén se está traballando na accesibilidade e neste senso a nova web dispón de arquivos de son para poder escoitar todas as novas que se van renovando todos os días. O Concello de Ames tamén se pon ao día en canto ás redes sociais. Ofrécese a posibilidade de que os usuarios/as poidan publicar nos seus muros de Facebook ou de Twitter as nova municipais que máis lle interesen. Durante o 2010 un total de 112.000 persoas visitaron a web municipal. Para contabilizar estas visitas tense en conta a dirección IP do computador dende o que se accede á web municipal. Tendo en conta estes datos producíronse 415 visitas diarias.

Oficina Virtual Tributaria (OVT)

Así mesmo púxose en marcha a Oficina Virtual Tributaria (OVT). A través deste servizo os veciños e veciñas de Ames poderán realizar o pagamento dos tributos xestionados pola Administración local e acceder a determinados servizos que facilitarán o cumprimento das súas obrigas fiscais. Os servizos tributarios do Concello de Ames teñen un sistema de información que está preparado para que os contribuíntes realicen as súas xestións tributarias mediante Internet de forma segura, o que simplifica o cumprimento das obrigas fiscais e ofrece novos servizos aos cidadáns. Para acceder á oficina virtual tributaria hai que entrar na web municipal. Unha vez aí podes premer no banner de administración electrónica, que hai na páxina principal ou ir a sección de Ames Dixital onde atoparás unha ligazón que indica Oficina Virtual Tributaria (OVT).

Para entrar no panel de xestión podes empregar tres vías, sempre e cando os contribuíntes dispoñan dos instrumentos correspondentes que se precisan en cada caso para facilitar o acceso. A primeira vía implica ser titular da certificación dixital en vigor da Fabrica Nacional de Moeda e Timbre (FMNT). Outra opción é a través do servizo de Banca Electrónica daquelas entidades colaboradoras que asinen o correspondente convenio da (OVT) co Concello de Ames. Nestes intres a Administración local ten asinado un convenio con Nova Caixa Galicia para poder acceder á OVT a través de Caixa Activa ou Caixa Xestión. Tamén se pode acceder mediante o DNI electrónico.

Por outra banda, o Concello de Ames acaba de poñer en marcha un servizo de intranet que permitirá aos traballadores e traballadoras do Concello acceder a un sistema de atención e resolución de incidencias informáticas (CAU), ao servizo de xestión de actividades culturais e deportivas, a unha guía de empresas do concello, a un directorio de teléfonos e correos electrónicos dos empregados e empregadas, ao portal do empregado no que poderán acceder ao sistema de control de tempos instalado no Concello, á páxina web municipal e a un sistema de webmail que facilitará os procesos de comunicación interna.

Dende o servizo de intranet pódese acceder ao Portal do empregado. De cara a unha mellora do servizo de xestión de Recursos Humanos e un control da xornada laboral dos traballadores, o concello puxo en marcha un servizo de control de presenza mediante pegada dixital. Para iso instaláronse dez dispositivos nos diferentes edificios administrativos. O sistema de control de tempos e accesos ofrece unha serie de servizos como son o control de xestión, organización, seguridade e mellora na produción dos traballadores municipais.

Implantación do sistema de custe único por copia

Como medida de aforro de custes e para cumprimento da LOPD instalouse no Concello o sistema de Custe único por copia, que permite un aforro do 50% do consumo que se viña levando a cabo no Concello. A través deste proceso de renovación e modernización tecnolóxica reduciuse considerablemente o número de equipos de impresión existentes nas dependencias municipais, xa que se pasou de 90 a 22 equipos. Isto provoca un importante aforro en tinta, enerxía e papel, co conseguinte beneficio para o medio natural e coa conseguinte redución dos custos económicos, algo moi importante nos tempos que corren.

Nesta mesma liña realizouse unha forte aposta polo software libre e a integración de aplicacións. Así, todos os equipos cos que conta o Concello dispoñen de software libre nos principais aplicativos cos que se traballa. Paquete Ofimático de Open Office, instalación de Mozilla como navegador preferente de Internet, correo electrónico Thunderbird, Tratamento de imaxes Gimp ou antivirus corporativo, etc.

Paralelamente a execución de todos estes proxectos establecéronse ao longo destes 20 meses diferentes actuacións dirixidas ao cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos. O Concello estableceu o Regulamento dos ficheiros de carácter persoal (aprobado en Pleno) e os inscribiu no Rexistro da Axencia Nacional de Protección de datos, redactando o borrador inicial do documento de seguridade.

Control e xestión dos sistemas de Comunicacións

Elaborouse un plan de estudio que permitiu optimizar o uso da telefonía móbil e axustar o gasto derivado do mesmo, reducíndose o número de liñas e os consumos das mesmas. En canto á telefonía móbil reduciuse o número de liñas de 92 a 50. Iso permitiu realizar unha revisión do plan de pagos reducindo o consumo mensual de 4.000 a 2.200 euros.

Así mesmo o Concello de Ames dispón de varias canles de comunicación para trasladarlle todo tipo de información municipal á cidadanía. Un dos sistemas máis empregados é o servizo de alerta sms. Este servizo púxose en marcha no ano 2007 e, tres anos despois, actualizouse nun novo contrato con Vodafone que permitiu melloras económicas e en materia da lei de protección de datos.

Ademais o Concello tamén recorre a outras vías de comunicación como son as pantallas multimedia, con toda a programación, situadas en cinco puntos clave: nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, na Casa do Concello, no Departamento de Educación e nas oficinas xerais de O Milladoiro.

Televisión terrestre dixital (TDT)

A Administración local realizou durante os tres anos anteriores o apagón analóxico do 1 de febreiro de 2010, un gran esforzo para que todos os veciños e veciñas de Ames recibisen sen problemas a televisión terrestre dixital nas súas casas. Para iso instaláronse catro repetidores dixitais. Antes da súa colocación foi necesario facer un proxecto visado por un enxeñeiro colexiado e logo mercar o aparello e colocalo de acordo con ese proxecto técnico. Xa que, a diferenza dos repetidores analóxicos, os dixitais teñen que funcionar dentro dunha frecuencia única en toda Galicia para cada programa e de forma sincronizada para que non haxa ningún tipo de interferencias. O primeiro reemisor dixital ou gap - filler instalouse no centro de comunicacións do Concello de Ames situado no monte de Mar de Ovellas, en Castiñeiro de Lobo. Cabe salientar que o primeiro reemisor dixital que se instalou en España foi o de Mar de Ovellas. Este repetidor foi instalado no ano 2003 e permitiu realizar diversas probas para traballar na evolución da TDT.

O territorio municipal de Ames posúe outro reemisor dixital colocado na torre de Seares de Arriba. Este dispositivo proporciona cobertura aos veciños e veciñas das parroquias de Tapia e Piñeiro. O terceiro reemisor está instalado na torre que hai en Agrón. Este dispositivo permite que os veciños e veciñas das parroquias de Agrón, Trasmonte e Lens teñan una perfecta cobertura da TDT. Con estes tres dispositivos o territorio municipal de Ames contaba xa cunha cobertura total do 99%. O último receptor que se colocou foi en xaneiro de 2010 en Leboráns e afecta aos máis de 250 de Leboráns, Portanxil, Carballo e Trasmonte. Grazas aos catro reemisores dixitais o territorio municipal de Ames conta cunha cobertura da TDT do 100%.

Área de sanidade

En canto á área de sanidade cómpre salientar a adhesión ao convenio da Xunta de Galicia - FEGAMP para a posta en marcha do Plan de Drogodependencias. Neste senso o Concello de Ames acaba de aprobar o decálogo de accións para impulsar o I Plan Municipal de Drogodependencias do Concello de Ames. Estas accións están baseadas na experiencia e o coñecemento do problema das drogodependencias, tanto do propio Concello, como dos profesionais e organismos consultados (caso do Observatorio Europeo das Drogas e Toxicomanía). Entre as medidas que se porán en marcha cóntase, ademais da elaboración do propio Plan Local de drogodependencia, coa cooperación intermunicipal e interinstitucional, coa especial atención nos diversos tramos educativos e coa implicación familiar, entre outros aspectos.

Tamén se apostou dende esta área pola saúde infantil, apoiando aos colectivos que comezan no noso Concello, como foi o caso do grupo "Teta e coliño", así como se desenvolveron diferentes accións encamiñadas cara a saúde alimentaria. Neste senso o Concello asinou un convenio de adhesión ao programa THAO, para o control da obesidade infantil.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Miñones pide al PP amiense que siga con las reformas administrativas"