Pestanas principais

O concelleiro en funcións de Infraestruturas e Obras, Servizos Básicos, Parques e Xardíns fai balance

Venres, 10 de xuño de 2011

[10-06-2011] As obras de abastecemento e saneamento levadas a cabo nas parroquias de Ames constitúen un dos maiores investimentos realizados polo Concello nestes últimos catro anos. O gasto en abastecemento ascende a 8.471.527,86 euros, e na parte de saneamento investiuse 4.695.773,55 euros. Ademais investíronse preto de 5 millóns de euros no arranxo de pistas e carreteiras. Ames conseguiu mellorar o seu aspecto visual e aportar os veciños e veciñas una mellor calidade de vida coa humanización das rúas, incluíndo a instalación dos colectores soterrados, coa creación de máis aparcamentos para facilitar o acceso o Concello. Ademais da ampliación de parques e xardíns para o goce dos máis cativos e o mesmo tempo dedicados a todos os veciños e veciñas como espazos de ocio e lecer. En total durante os últimos catro anos investíronse 17.900.000 euros. En canto ao número de solicitudes veciñais atendidas foron 288 no que se refire a obras e 1.106 de servizos básicos.


O concelleiro en funcións de Infraestruturas e Obras, Servizos Básicos, Parques e Xardíns, Gustavo Nieto, compareceu en rolda de prensa para facer balance de todas as obras e proxectos executados durante os últimos catro anos. Esta rolda de prensa enmárcase dentro do programa que está levando a cabo o goberno en funcións de Ames para realizar un proceso de sucesión ordenada.

O Concello de Ames investiu unha grande partida presupostaría para intentar estender a rede de saneamento e abastecemento por todo o termo municipal. Facendo un balance global de todos os traballos que se levaron a cabo, o custe en abastecemento ascende a 8.471.527,86 euros, e na parte de saneamento investiuse 4.695.773,55 euros.

Outra grande partida, preto de cinco millóns de euros, destinouse ao arranxo de pistas e carreteiras, para mellorar as características das mesmas nas zonas rurais. Ames conseguiu mellorar o seu aspecto visual e aportarlle aos veciños e veciñas unha mellor calidade de vida coa humanización das rúas, incluíndo a instalación dos colectores soterrados, coa creación de máis aparcamentos para facilitar o acceso os principais núcleos urbanos do municipio. Ademais, hai que engadir a ampliación de parques e xardíns para o goce dos máis cativos e o mesmo tempo para que se sexan empregados por todos os veciños e veciñas como espazos de ocio e lecer.

Divido en anualidades, en 2007 investíronse 4.329.958 euros; en 2008 o investimento foi de 3.685.532 euros; en 2009 de 3.184.984 euros; en 2010 de 6.445.802 euros e no que vai de 2011 investiuse a contía de 240.393 euros. En total durante este período investíronse preto de 18.000.000 de euros na execución de distintas obras e proxectos.

Nesta concellaría recibíronse un gran número de solicitudes veciñais. Deste xeito atendéronse 288 solicitudes de obras (asfaltado, arranxo de camiños e de beirarrúas...), así como 1.106 solicitudes de servizos básicos (colocación de novos colectores de lixo, puntos de luz, arranxo de farois...). En total atendéronse un total de 1.394 solicitudes feitas por veciños/as.

Obras de saneamento e abastecemento

Os lugares e parroquias situadas na zona norte do Concello de Ames carecían na súa maioría de redes de saneamento de augas residuais e de abastecemento de auga potable. Co fin de diminuír esas diferenzas en materia de saneamento, o goberno municipal veu incluíndo nos últimos anos nos plans de obras e servizos da Deputación da Coruña e no Plan E a construción de redes de saneamento en diferentes lugares e parroquias desta zona do termo municipal.

A Ameixenda é unha das parroquias nas que xa está rematada a instalación da rede de saneamento. Estas obras realizadas na parroquia da Ameixenda comezaron no ano 2007. Deste xeito dotouse deste servizo aos lugares de Quintáns, Montemaior, O Mercuto, Cortegada, A Folgueira, O Vilar e Ameixenda. Estas obras foron incluídas en varias anualidades do Plan de Servizos e Obras da Deputación da Coruña (POS) e tiveron un custo de máis de 423.752 euros.

As obras de saneamento e abastecemento executadas na parroquia da Ameixenda completáronse coa construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais que tivo un custo de 142.000 euros. Compre recordar que o Concello de Ames adquiriu uns terreos no 2006 para construír esta depuradora, que se executou nun antigo pasteiro de algo máis de 1.800 metros cadrados, situado no lugar de Quintáns. Esta infraestrutura, financiada pola Deputación da Coruña, ten capacidade para darlle servizo a núcleos de ata 600 habitantes. A Administración local investiu 18.000 euros na compra deste terreo. A rede de saneamento e abastecemento que se instalou en todos os lugares da parroquia da Ameixenda está conectada a esta estación depuradora que xa está funcionando dende hai un ano.

Seguindo esta liña de traballo, investíronse 553.618 euros, para levar a cabo os proxectos de saneamento en diferentes lugares das parroquias de Agrón e de Trasmonte. Estas obras executáronse no lugar de Sandar, pertencente á parroquia de Agrón, que tivo un custe de 117.984 euros. Deste xeito, xunto o proxecto de saneamento nos lugares de A Igrexa, Galiñeiro, Gasamáns e Novais, que tiveron un custo de 262.325 euros, completouse a rede de saneamento na parroquia de Agrón. Queda pendente a instalación do tendido eléctrico e a reposición do pavimento da obra de saneamento nestes catro últimos lugares.

Esta obra non foi a única que a Administración local executou para reducir os niveis de contaminación das augas fecais. Na parroquia de Trasmonte tamén se realizaron obras de saneamento e abastecemento de auga nos lugares de Leboráns, Transmonte, Reino, Salgueiro e Burgueiros. Estas obras tiveron un custo de 435.634 euros.

Humanización das rúas do Milladoiro

Outro dos obxectivos do Concello de Ames durante os últimos catro anos foi humanizar as rúas do Milladoiro. Nos últimos tempos este núcleo urbano está xuntando un gran número de establecementos comerciais e hostaleiros polo que se traballou co fin de mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas que residen nesta localidade. Deste xeito, reurbanizáronse as rúas Anxeriz e Travesa. Ademais xa se inicio o proceso de contratación das obras de urbanización da Travesía do Porto.

A primeira obra de reurbanización executouse na rúa de Anxeriz. Co fin de humanizar esta vía pública a Administración local levou a cabo unha serie de obras para a súa reurbanización. Para elo cambiouse o pavimento e incorporáronse en ambas marxes da rúa diferentes árbores e plantas. Os traballos supuxeron unha importante reorganización do tráfico nesta zona. A rúa de Anxeriz concentra unha gran densidade tanto comercial como hostaleira. Debido a iso realizáronse traballos de ampliación das beirarrúas e doutras vías próximas, como é o caso da rúa Travesa, para facilitar tanto a circulación dos vehículos como a dos peóns. Con esta remodelación a estrada pola que circulan os vehículos pasou a ser de sentido único. Este proxecto, que foi sufragado a través do Plan E, tivo un custe de 1.225.922 euros.

Outras das rúas que se reurbanizou no Milladoiro foi a Travesa. As obras consistiron na construción dun parque infantil na zona superior da rúa que conecta coa rúa Agro do Medio e a ampliación das beirarrúas. Na zona inferior desta rúa deixouse unha vía de tres metros de ancho para facilitar o transito ocasional dos vehículos co fin de que os coches dos veciños e veciñas que residen neste lugar poidan acceder aos seus garaxes. Deste xeito eliminouse o tránsito rodado nesta zona e pasou a ser unha rúa exclusivamente peonil. Este proxecto foi financiado integramente pola Deputación da Coruña a través do Plan Provincial de axuda contra a crise de 2009 (PAC-2) e o convenio denominado O Milladoiro o que está por ver. Así a contía total destas obras ascendeu a un total de 312.180 euros.

Por último, cómpre lembrar que xa se iniciou o expediente de contratación das obras de urbanización da Travesía do Porto. Actualmente estanse revisando as ofertas presentadas polas diversas empresas que se presentaron a este concurso. A Travesía do Porto converterase deste xeito no principal viario da zona norte desta localidade. Contará con amplas beirarrúas, prazas de aparcamento nos dous lados do viario, un carril para bicicletas e varias ringleiras de árbores na zona de aparcadoiro e nas beirarrúas. O presuposto de execución por contrata da obra da Travesía do Porto ascende ao importe de 2.362.156,40 euros.

Colectores soterrados

As illas de colectores subterráneos substitúen os colectores de lixo tradicionais, os iglús do vidro e todos os anteriores sistemas de recollida de residuos, que ocupan tanto espazo, que se enchen tan rápido e que moitas veces están tan dispersos. A praza de Chavián foi o primeiro lugar de Ames que contou con este sistema innovador. No último ano tocoulle aos veciños e veciñas do Milladoiro, Bertamiráns e das urbanizacións de Aldea Nova e As Mimosas estrear novas illas ecolóxicas.

O Concello destinou arredor de 624.273,34 euros para colocar dez novas illas de colectores soterrados. Deste importe a Administración local financiou o 48% do invertido mentres que o 52% restante sufragouse con fondos achegados a través do Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade Local.

Deste xeito, O Milladoiro conta con sete novas illas de colectores deste tipo distribuídos no contorno da rúa de Anxeriz. As illas de colectores, situadas unha na rúa Travesa e dúas en cada unha das rúas Raxoeira, Curuxa e Pardiñeiros, todas elas transversais á rúa Anxeriz. Cada illa inclúe dous colectores destinados á materia orgánica, dous a materia inorgánica, un colector de tres metros cúbicos para o vidro e outros de catro metros cúbicos para o papel e o carbón.

En Bertamiráns colocáronse na praza da Maía, por ser un dos lugares onde existe una illa máis importante de colectores, e os outros dous, nas urbanizacións de Aldea Nova e as Mimosas, xa que é un servizo demandado dende hai tempo polos veciños e veciñas destes lugares. Estas son as dúas urbanizacións máis grandes que existen no concello e nelas reside un gran numero de poboación achegándose aos 1.200 habitantes. Estas novas illas de colectores soterrados súmanse ás que xa estaban funcionando na praza de Chavián, en Bertamiráns, na rúa do Seixo e na praza do Porto, no Milladoiro.

Parques infantís

Outro dos investimentos que realizou o Concello de Ames nos últimos anos foi a execución de novos parques infantís. Dende marzo de 2010 os cativos e os mozos de Ames dispoñen de dous novos parques infantís con zona verde e pista polideportiva. Un deles está situado no paseo fluvial de Bertamiráns e o outro encóntrase na praza de Eira de Abaixo, no Milladoiro. Estes parques infantís únense aos que xa existían en Bertamiráns, O Milladoiro, e nas urbanizacións e na zona rural.

Os dous parques teñen unhas características similares. Deste xeito dispoñen dunha pista polideportiva con gradaría, una zona de xogos e una zona verde. As pistas polideportivas están enterradas lixeiramente nas parcelas onde foron construídas para facilitar a formación da gradaría, e que esta non interrompa a relación visual entre as rúas que dan acceso aos parques infantís. Os xogos dos nenos e nenas instaláronse entre ringleiras de castañeiros, respectando a cota natural do terreo, quedando a unha cota máis baixa que a beirarrúa. Así non fai falla dispor dun peche de seguridade, xa que o peto que se forma, duns corenta e cinco centímetros é suficiente para cumprir a función de seguridade.

Os bancos e as árbores e mesmo o pavimento establecen os demais perímetros. No chan construíronse ringleiras de cor que están relacionadas coas cores das flores e das follas da zona verde. Estes parques non só están pensados para a mocidade senón que as persoas maiores dispoñen de mesas e bancos onde poden xogar as cartas. Ademais poden pasear polos arredores das zonas de xogo e dispoñen de diferentes aparatos para facer ximnasia. Estes proxectos foron executados con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local e tiveron un custo de 495.756 euros.

En total son 28 os parques infantís que están distribuídos por todo o temo municipal. Deste xeito prestase un servizo lúdico a todos os nenos e nenas do concello. Tanto aos das zonas urbanas como aos dos rural. Tampouco hai que esquecerse que moitas das urbanizacións municipais contan cos súas áreas de xogo como é o caso da urbanización de Aldea Nova ou das Mimosas.

Os 28 parqués infantís que existen actualmente en Ames distribúense do seguinte xeito; na zona de Bertamiráns hai catro, mentres que no Milladoiro existen cinco. Ademais as urbanizacións de Aldea Nova e das Mimosas contan cunha área de xogo. Os dezasete restantes están distribuídos pola zona rural amiense.

Proxectos pendentes de executar

Por último hai que salientar que quedan dez proxectos pendentes, que se están desenvolvendo nestes momento, e que terán que ser finalizados polo novo goberno municipal que tomará posesión o día 11 de xuño. O primeiro é a reforma da instalación eléctrica do campo de fútbol de Bertamiráns, que ten un custe de 70.156 euros; o segundo a pavimentación interior de Lapido, que foi adxudicado á empresa OVIGA por un importe de 78.420 euros; o terceiro a instalación do tendido eléctrico e a reposición do pavimento da obra de saneamento nos lugares de A Igrexa, Galiñeiro, Gasamáns e Novais, que dispón dun presuposto de 182.382 euros; a cuarta a execución de beirarrúas en Covas, que está en fase de execución. Este proxecto ten un custe de 330.164 euros. Ao proceso de contratación deste proxecto presentáronse 39 empresas.

A quinta obra incluída neste listado é a urbanización da Travesía do Porto, que conta cun orzamento de 2.402.883 euros. Ao proceso de contratación deste proxecto presentáronse 33 empresas. A sexta obra pendente de executar é a pavimentación da estrada que vai de Casanova a Raíces e que limita co concello de Teo en Biduído. Esta obra foi adxudicada á empresa Martínez Montes e ten un custe de 66.353 euros. A sétima obra é a pavimentación da estrada que vai dende o colexio de Ventín ata a estrada de Paramuíño (Biduído), que foi adxudicada á empresa OVIGA por un importe de 47.350 euros.

Outras obras que quedan pendente de executar é o saneamento, abastecemento e anulación da fosa séptica no lugar de Guimaráns e a ampliación do saneamento e abastecemento no lugar de Tarrío (ambos os dous lugares pertencen á parroquia de Bugallido). Estes dous proxectos están incluídos no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial 2011. Ademais queda pendente a recuperación de camiños municipais incluídos no PAC 2 e pendente de contratar.

O concelleiro en funcións de Infraestruturas e Obras, Servizos Básicos, Parques e Xardíns, Gustavo Nieto, aproveitou esta rolda de prensa para despedirse e enviarlle "o meu sincero agradecemento a cada un dos funcionarios e traballadores deste concello, cos cales tiven a sorte de compartir estes últimos catro anos e dos cales me levo os mellores recordos. Es especial agradezo o traballo de Marisol e María e de todos os demais compoñentes do departamento de obras, así como da brigada de obras".

Nieto continuou dicindo "neste momento tamén me teño que lembrar dunha persoa que non está entre nós, Pepito, do que gardarei sempre os mellores recordos polos seu comportamento e a súa dedicación o fronte da brigada municipal. Tamén quero mandar un gran saúdo a todos os veciños/as deste concello, os que co meu traballo axudei dentro do posible a mellorar a súa calidade de vida, e como non a todos aqueles que non fun capaz de resolverlle os seus problemas ou darlle a solución que agardaban. A todos eles só podo darlle as gracias, pois sen eles este traballo non tería sentido".



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El edil alude a la importancia de la potabilizadora y se despide felicitando al PP"
La Voz de Galicia: "El área de Obras de Ames licitó 18 millones de euros en proyectos"