Pestanas principais

O concelleiro en funcións de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico fai balance das iniciativas postas en marcha durante os últimos catro anos

Sábado, 11 de xuño de 2011

[11-06-2011] O concelleiro en funcións de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, compareceu este venres en rolda de prensa para facer balance das iniciativas e proxectos postos en marcha durante os últimos catro anos. Villaverde destacou a ampla oferta de actividades culturais, o aumento de participación nas actividades deportivas e tamén os traballos de limpeza e conservación de fontes e muíños por todas as parroquias de Ames. Esta rolda de prensa enmárcase dentro do programa que está levando a cabo o goberno en funcións de Ames para realizar un proceso de sucesión ordenada.


Francisco Villaverde comezou a rolda de prensa facendo referencia a ampla oferta de actividades culturais que tivo o Concello de Ames nos últimos catro anos. Estableceu a súa comparecencia en oito apartados nos que fixo mención dos actos culturais destacados, das obras e grupos de teatro, dos obradoiros culturais, da Escola Municipal de Música, das subvencións e convenios, do servizo de normalización lingüística, das obras e por último da situación a día de hoxe.

O concelleiro en funcións destacou como actuacións importantes o Festival folclórico internacional, as actuacións de María do Ceo, tamén de Cristina Pato e Rosa Cedrón co espectáculo Soas, e a Escola de Altos Estudos Musicais. Así como os Festivais de Maxia e o Millarock. En canto aos actos culturais, durante estes últimos anos, celebrouse o Certame literario, o Día do Libro, as excursións baixo o nome "Coñecendo o país", así como diversos actos de presentación de libros e destacou tamén o gran número de exposicións que acolleu o Pazo da Peregrina e as Casas de cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Francisco Villaverde resaltou a importante progresión que viviu o teatro no número de espectadores desde 2007 ata 2011, pasando dunha media de 50-70 a 100-140 na actualidade, despois dun traballo importante de información e sobre todo das obras seleccionadas. Na actualidade hai dous grupos de teatro municipais de adultos, Bertamiráns e Milladoiro, dirixidos por dúas grandes profesionais (Mónica Caamaño e Nazaret López) e ademais dous obradoiros teatrais para adolescentes, no Milladoiro e Bertamiráns. Tamén se celebrou anualmente a Mostra de Teatro Afeccionando con grupos doutros concellos cos que se fixeron intercambios.

No orzamento do 2010 a asignación total para Cultura foi de 1.861.288 euros, prorrogado para o 2011 e que sen os capítulos de inversión quedaría en 1.107.179 euros. Deste xeito, investiron algo máis de 390.000 euros en gastos de persoal, 427.000 en gastos de material, limpeza, excursións, teatro e obradoiros entre outros. Nas subvencións, premios e convenios investíronse 90.860 euros, nas novas infraestruturas 64.218 euros, e para a dotación de mobiliario, coa ampliación da Casa da cultura e do colexio social de Agrón, destináronse 133.186 euros.

Villaverde fixo mención de todos os obradoiros culturais que se ofertaron durante os últimos catro anos. Por unha parte os de gaita, pandeireta e baile tradicional con 160 alumnos e baile de salón con 57 alumnos, que foron impartidos pola empresa Manolo Figueira. Os obradoiros de xadrez contan con 25 participantes, o de manualidades con 130, e o de canto con 33 persoas. Estes obradoiros impartiunos a empresa EULEN. Os cursos de informática desenvolvéronse nas aulas en Bertamiráns e Milladoiro para adultos e adolescentes, e os cursos no rural nas parroquias como Piñeiro, Covas, Ameixenda, Bugallido ou Agrón.

Escola Municipal de Música

A Escola Municipal de Música (EMMA) funciona desde 2004-05 en locais do IES en Bertamiráns e do CEIP de Ventín, cunha progresión importante cada ano pero especialmente no curso pasado que pasouse dunha media de 90-95 alumnos a uns 190 matriculados ao remate deste curso. Ten once profesores/as e un director coas especialidades de música e movemento, saxofón, clarinete, violín, piano, trompeta, linguaxe musical, percusión, frauta, canto e coro. Ademais de realizar actuacións individuais ou por instrumento xa fan actuacións con varios instrumentos en conxunto. Villaverde resaltou o concerto no Hospital Clínico para a escola de nenos e nenas enfermos no Nadal de 2009 e 2010.

"O Servizo de Normalización Lingüística tivo un gran traballo na implantación da lingua, máxime neste momento difícil, nos eidos da inmigración, comercio, centros educativos..." dixo o concelleiro en funcións. Destacou o espazo en Ames Radio "Solta a lingua", literatura na praza con motivo do Día do libro, o Certame literario do Concello e o Certame intercentros. Ademais da celebración do Día das Letras Galegas e da realización de diversas campañas divulgativas. Por primeira vez fóra da cidade da Coruña celebrouse a Festa da Lingua organizada pola Deputación en Ames e tamén recibiuse o premio Lois Peña Novo polo impulso e dinamización da lingua en diferentes eidos sociais.

No ano 2010 subiron as subvencións un 20% e "repartimos nese ano 54.000 euros entre as asociacións culturais e 36.000 euros entre as comisións de festas", declarou Villaverde. Ademais de nomear os convenios especiais coa coral de Bugallido, co novo circo Pista catro e co IES de Ames no uso das aulas e do ximnasio. En canto as obras realizadas neste período de tempo destacouse a ampliación da Casa de Cultura de Bertamiráns, que xa se pode empezar a usar. Tamén houbo melloras nos escenarios das Casas de Cultura. No Milladoiro realizouse un arranxo importante na calefacción e adaptouse para o acceso de persoas discapacitadas, entre outros. En Bertamiráns tamén se melloraron os aseos, as luces e o proxector que se colocou, ademais da pantalla. No Pazo da Peregrina houbo unha nova acometida desde o exterior, eliminación do cabreado externo, instalouse un novo sistema de megafonía con altofalantes no teito e tamén dotouse de urnas especiais para a exposición de obxectos de valor.

Villaverde rematou o balance na área de Cultura comentando a situación a día de hoxe neste departamento, xa que está feita a programación teatral do segundo semestre polo convenio co AGADIC, a programación do Millarock con tres grupos subvencionados, dous pola Xunta de Galicia e un pola Deputación, ademais de contar co gañador do concurso do Concello (Ruxe-ruxe, Zenzar, Dios ke te crew). Tamén houbo concesións por parte da Deputación a once grupos diferentes de música, baile e teatro para diversas actuacións neste ano. Está preparada a matrícula na Escola Municipal de Música e está feito o borrador da programación cultural e deportiva do terceiro trimestre.

Deportes

Dentro da área deportiva Villaverde indicou que se seguiron as seguintes pautas nestes últimos catro anos. Por unha parte a implicación dos clubs nas actividades deportivas e pola outra mellorar dentro do posible as instalacións para as prácticas deportivas. Deste xeito fóronse conseguindo logros importantes como é o aumento de participación tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, nas disciplinas de fútbol, fútbol 7, fútbol sala, voleibol e atletismo, entre outras.

Nesta área no 2010 contouse cun orzamento de 924.328 euros, que sen inversión quedan aproximadamente nuns 737.300 euros aos que houbo que engadir a achega do segundo Plan E, para a construción do campo de fútbol do Milladoiro por importe de 757.958 euros. Os gastos de persoal xeral aproximáronse os 153.000 euros, os gastos en materiais, limpeza, servizo de monitores, piscinas, vixiantes, enerxía e reparacións foron de 292.500 euros. En subvencións e convenios a cifra ascendeu a 94.500 euros, no aluguer do multiusos, terreos e traballos de conservación nas instalacións investíronse 122.300 euros e nas novas instalacións 75.000 euros.

Villaverde comezou falando das escolas deportivas como "viveiro do deporte" a través das que se ofrece unha gran variedade de opcións para nenos e nenas. Ademais puxo en coñecemento os datos de participación en cada unha das modalidades. Actualmente as clases de aeróbic teñen 190 alumnos; ximnasia de mantemento, 274; a disciplina de baloncesto reúne a 120 persoas; fútbol sala a 90; natación ten a 48 rapaces de tres a cinco anos.

Ademais o voleibol ten a dezasete alumnos, o predeporte acolle a 150 participantes, o tenis ten 160 persoas, pilates 240 alumnos, spining conta con 110 persoas, o tenis de mesa con 24 e a patinaxe con 160 alumnos. Todas estas actividades organizadas pola empresa VV Xestión de Actividades. Nos meses de xullo e agosto leváronse a cabo cursos de natación de verán e fixéronse rutas de sendeirismo ao longo do ano por diversos lugares de interese de Galicia.

Paralelamente dende esta concellería organizáronse diferentes eventos deportivos. Por primeira vez levouse a cabo o partido internacional da selección española de Voleibol contra Puerto Rico e tamén o partido de fútbol entre veteranos do R.C. Deportivo da Coruña e os do R.C. Celta de Vigo. Villaverde fixo un repaso e nomeou os distintos eventos que se foron celebrando no Concello de Ames: XXIX Trofeo municipal de fútbol, Concello de Ames; XXV Descenso do Tambre, Portomouro-Tapia; XV Travesía a nado praia de Tapia; XIV Trofeo de Chave da Peregrina; XI Carreira pedestre popular; X Milla urbana e X Campionato galego de Supercross. Outros torneos deportivos máis recentes foron: VIII Torneo infantil de kárate de Nadal; VI Trofeo de chave da Madalena; VI Día da bici; V Día do deporte; V Gala do deporte; III Torneo de F-7 benxamín, alevín e infantil; II Trofeo de kárate do CEIP Maía e tamén dúas edicións do partido benéfico de baloncesto.

A rolda de prensa continuou co Concelleiro en funcións de Deportes explicando as distintas subvencións entregadas e convenios feitos neste tempo. Entre as asociacións deportivas e clubs inscritos no rexistro municipal distribuíronse 72.000 euros, previa solicitude e baremación das mesmas segundo as bases correspondentes. Villaverde declarou que se intentou premiar a quen máis traballou "sobre todo co deporte base".

Desde 2008-09 existe un convenio co Milladoiro S.D. e co Bertamiráns F.C. por facerse cargo de parte das escolas deportivas e o traballo cos equipos de base. O Milladoiro SD traballa nas modalidades de fútbol, fútbol 7 e fútbol sala, e o Bertamiráns F.C. encárgase das modalidades de voleibol, desde infantil, e baloncesto desde cadetes, ademais do fútbol e fútbol 7. As condicións as que estiveron suxeitos para recibir esta achega pedagóxica foi que houbera monitores adestradores coa preparación técnica axeitada e contaran cun coordinador deportivo para establecer unha programación eficaz. No día de hoxe hai máis de 400 rapaces/as no Bertamiráns F.C. e de 200 no Milladoiro SD. Tamén se estableceu un convenio co Motoclub Ameixenda que organiza o gran premio Concello de Ames e con deportistas destacados como Borja Golán, de squash; Victoria González de esquí adaptado; Cristian González de tenis e Adolfo Vicente do ciclismo.

A comparecencia continuou citando as distintas instalacións coas que conta o Concello para o deporte. Por unha parte dous pavillóns polideportivos (Milladoiro e Bertamiráns), unha nave "multiusos" no Polígono do Milladoiro (pavillón deportivo) en aluguer, o campo de fútbol municipal de Bertamiráns, o novo campo de fútbol municipal en Milladoiro, as pistas deportivas en todas as parroquias e a pista de squash en Aldea Nova e o campo de fútbol 7.

As obras máis importantes nestes catro anos foron a dotación de herba artificial, vestiarios e gradas ao campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Os vestiarios e gradas neste caso foron a cargo do primeiro Plan E por importe de 371.107 euros. Ademais acabase de adxudicar a empresa MALGA a ampliación do alumeado deste campo de fútbol por un importe de 58.921 euros aportados pola Deputación.

Outra das obras levouse a cabo co fin de pechar, pola parte norte cun valado, o acceso dos alumnos do CEIP e IES ao pavillón polideportivo polas mañás. Tamén dende a concellería de Deportes se cambiou a entrada do público polo sur da pista de tenis para protexelo céspede; instaláronse portais na entrada central e no acceso á pista. Adaptouse o acceso a discapacitados no campo e no pavillón, así como os aseos adaptados tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Villaverde rematou o balance da área deportiva nomeando diversos arranxos que se fixeron nos campos das parroquias de Agrón, Ames, Biduído, Bugallido, Covas e Ortoño e tamén citando o esperado novo campo municipal en Milladoiro cunhas dimensións de 92 X 56 metros, de céspede artificial e dotado de catro vestiarios para xogadores e dous para árbitros. Ademais dos dous campos de fútbol 7 e sistema de alumeado que está composto por catro torretas.

Patrimonio Histórico

A rolda de prensa rematou cun repaso por parte de Francisco Villaverde do traballo feito na área de Patrimonio Histórico. "Neste eido tivemos actuacións sobre todo na limpeza e conservación de fontes e muíños practicamente por todas as parroquias do Concello", dixo o concelleiro en funcións. "Os traballos de limpeza leváronse a cabo en varias ocasións xa que a maleza medra, sobre todo na primavera", engadiu Villaverde. Ademais as brigadas foron acondicionando algúns muíños e fontes para rehabilitalos. Tamén houbo un coidado especial por parte deste departamento sobre o Camiño de Santiago, tanto no tramo do Camiño portugués no Milladoiro coma no Camiño de Fisterra por Santo Tomé de Ames e Santa María de Trasmonte. En colaboración coa Concellaría de Turismo fixéronse dous estudos; un sobre o patrimonio material e outro sobre o inmaterial e recuperación da memoria histórica, que vai permitir este último identificar e documentar os recursos patrimoniais e deste xeito poder resolver iniciativas de conservación, valorización e difusión do mesmo, "para que se coñeza e se respecte".

En Patrimonio houbo unha consignación orzamentaria de 50.500 euros. A esta partida hai que engadir a achega da Consellaría de Traballo, a través do programa para contratación de traballadores desempregados que aportou obreiros ó Concello de Ames no ano 2010-2011. Con esta consignación económica pagáronse materiais e ferramentas dos obreiros durante os meses de contrato.

A comparecencia continuou cun resumo das actuacións máis importantes da brigada de obras nos elementos patrimoniais do Concello neste último ano. Villaverde destacou os labores na parroquia de Lapido, na que se fixo unha limpeza da maleza do campo e adro da festa e arredores da capela da Merced. Tamén se arranxou o palco de pedra e todo o seu arredor. Limpouse a finca municipal no entorno da área recreativa, tanto maleza como verquidos, e limpáronse as paredes do resto do muíño que ten nunha esquina da mesma; ademais da reposición dunha cruz de madeira que existira anteriormente nese espazo pero que xa tiña desaparecido. Nesta mesma parroquia a brigada fixo traballos de limpeza do solo dos dous muíños restaurados ao pé da ponte sobre o río Sar, cheos de lama polas enchentes do río.

Na parroquia de Biduído, realizáronse labores de limpeza e reparación da fonte e o lavadoiro que existe no medio deste lugar, cunha limpeza total da pedra.

A brigada actuou tamén en Covas, coa canalización de todo o entorno perimetral das paredes da igrexa parroquial, cunha zanxa, líquido hidrófugo na parede e tubos de drenaxe que evitaron a entrada de auga e humidade para o interior. Ademais realizouse o empedrado do acceso desde a pista do oeste en dous ramais. Un desde o portal de entrada ata a entrada da sancristía e outro desde este mesmo portal ata a porta principal. Nivelouse a terra do entorno dentro do adro e sementouse con novo céspede.

Na parroquia de Covas arranxouse a fonte pública e do lavadoiro anexo na zona oeste do lugar da Igrexa. Houbo que facer unha limpeza do entorno, limpeza da pedra e reposición dalgunha deteriorada, reparación do picho de saída e entubado ata unir coa saída do pozo do lavadoiro. O lavadoiro limpouse todo o fondo de lama e repúxose o solo do mesmo, limpáronse todas as paredes laterais, os lavadoiros de pedra e a saída do pozo con tubos ata o regueiro lateral. Tamén se reparou o teito, cambiando a tella vella e pintando tanto laterais do tellado coma as columnas do mesmo.

O concelleiro de Patrimonio Histórico rematou dicindo as actuacións da brigada na parroquia de Santo Tomé de Ames. No lugar de Pegariños fíxose unha reforma do pilón da auga do lavadoiro, que ocupaba unha parte da pista de acceso e recortouse para deixar un acceso máis doado á xente. Tamén se repuxo parte da parede de atrás en pedra encintada e reformouse o firme do solo na zona dos lavadoiros, o que fixo un espazo máis amplo no camiño. No aparcadoiro da igrexa parroquial limpouse toda a zona do noiro que ten no fondo e colocouse unha base de 1,30 metros de ancho por uns 95 de longo de baldosas, para logo encher de terra e sementar con céspede e así facer un entorno axeitado no perímetro da Igrexa. Neste espazo, aproveitando unha saída de auga que quedou no noiro construíuse unha fonte en pedra.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El edil amiense de Cultura destacó en su balance la amplia oferta de actividades"