Pestanas principais

O concelleiro de Urbanismo visitou a área de reparto S-09 Raíces-Biduído, para comprobar os traballos de urbanización que se executaron neste lugar

Luns, 08 de abril de 2013

[08-04-2013] O concelleiro de Urbanismo, Alfredo Taboada, visitou as obras que o Concello de Ames levou a cabo na urbanización situada na área de reparto S-09 Raíces, en Biduído. A realización deste traballos permitiron rematar a maioría das obras que quedaron pendentes tras a quebra da empresa promotora. Deste xeito, rematouse a construción dun ramal viario, así como un tramo de beirarrúa e dunha calzada, entre outros traballos. Ademais, vaise habilitar unha área de descanso nunha carballeira da urbanización, que está situada ao lado do Camiño Portugués de Padrón a Santiago ao seu paso polo concello de Ames.

Durante a visita á área de reparto S-09 Raíces, que está situada na parroquia de Biduído, o concelleiro destacou que “a maioría dos traballos que estaban pendentes de realizar xa están executados”. Alfredo Taboada explicou que se realizaron as obras que quedaron por facer tras a quebra da promotora e a execución dun aval depositado. A construción dos edificios levaba parella a obriga de executar ao traballos de urbanización, que non se chegaron a rematar.

A execución destas obras permitiu rematar a construción dun ramal viario, así como un tramo de beirarrúa e dunha calzada. Así mesmo, acondicionouse a zona verde desta urbanización coa colocación de diverso mobiliario urbano (bancos e farois). Ademais, nesta zona verde, onde hai unha carballeira, vaise habilitar unha área de descanso, xa que está situada ao lado do Camiño Portugués de Padrón a Santiago ao seu paso polo concello de Ames.

Por outra banda, executáronse outros traballos como foron os resanteos, escavación de gabias para canalizacións, melloras no sistema de abastecemento e rego, así como no alumeado público e de xardinería. Estes traballos tiveron un custo de 156.377 euros e foron adxudicados en outubro pola Xunta de Goberno Local á empresa Xabre Obra Civil SL. O sector S-09 Raíces emprázase ao sur do concello, no límite do termo municipal que linda co municipio de Teo, na parroquia de Biduído.

Por último, está pendente que se achegue diversa documentación de fin de obra. Deste xeito, os directores de obra deberán emitir un informe de fin de obra na que se inclúa unha proba de presión da rede de abastecemento de auga, un informe favorable sobre a rede de saneamento e o boletín de certificación do alumeado público. Ademais, haberá que finalizar a acometida de pluviais na zona.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O concelleiro de Urbanismo de Ames visitou a área de reparto S-09 Raíces-Biduído"