Pestanas principais

O concelleiro de Educación reúnese coa empresa que xestiona o servizo de monitoraxe da Rede Municipal de Comedores Escolares

Xoves, 13 de agosto de 2015

[13-08-2015] Esta semana o concelleiro de Educación, David Santomil, reuniuse con representantes da empresa A Billarda-Vitae, que é a adxudicataria do servizo de monitoraxe da Rede Municipal de Comedores Escolares. Esta xuntanza enmárcase dentro dos encontros que está tendo o edil de Educación coas empresas que teñen a concesión dos servizos de monitoraxe dos programas lúdicos e de conciliación. O goberno municipal destaca o traballo educativo que se realiza na Rede Municipal de Comedores Escolares.

O concelleiro de Educación, David Santomil, explica que “esta xuntanza enmárcase dentro das reunións que estou mantendo cos representantes das empresas que son concesionarias dos servizos de monitoraxe dos servizos lúdicos e de conciliación que ofrece o Concello”. Santomil engade que “a empresa A Billarda-Vitae leva o servizo de monitores dos comedores escolares, a empresa Ágora Aberta ten adxudicado o servizo de monitores dos lúdicos, Escola de Verán e Tardes Divertidas, mentres que Órbita Infanti leva o servizo de Bos Días”.

A empresa A Billarda-Vitae é a actual concesionaria do servizo de monitoraxe da Rede Municipal de Comedores Escolares. O contrato con esta empresa foi asinado en xaneiro de 2015 por un curso e medio, máis outro curso no caso de exercer o dereito de prórroga. Deste xeito, esta empresa xestionou este servizo de monitoraxe durante a metade do curso 2014-2015 e continuará durante o curso 2015-2016. Ademais, existe a opción de prorrogar este contrato durante o curso 2016-2017.

Dende o goberno local indican que este servizo se presta por parte de monitores/as e coordinadores/as, que suman arredor de 90 empregados. Este cadro de persoal atenderá aos preto de 1.100 nenos e nenas que son usuarios/as da rede municipal de comedores dos cinco centros de educación infantil e primaria do concello de Ames (CEIP Agro do Muíño, CEP de Ventín, CEIP A Maía, EEI Milladoiro e CEIP de Barouta).

David Santomil apunta que “a Rede Municipal de Comedores Escolares enmárcase dentro dun proxecto pedagóxico – educativo e de conciliación, no que os principais valores que se inculcan son a educación para a saúde, a educación para a convivencia e a educación para o ocio”.

Vantaxes da contratación de monitores en número suficiente

O servizo de monitoraxe ofrécese cunha ratio media de 1 monitor/a por cada grupo de 15 nenos/as. O cadro de monitores está coordinado por cinco coordinadores (un por cada comedor). Deste xeito, disponse do persoal suficiente para a atención, coidado e vixilancia dos nenos/as, así como para o desenvolvemento das actividades do proxecto educativo. Polo tanto é posible recoller aos nenos/as nas aulas; acompañalos no momento da hixiene persoas (antes e despois de comer); acompañalos ás actividades extraescolares e ao transporte escolar; e acompañalos ata xunto a seus pais/nais.

Ademais, os monitores/as son os encargados de atender directamente aos nenos/as durante a comida; controlar as racións que debe comer cada neno/a tendo en conta a súa idade; cubrir directamente as axendas con toda a información sobre as inxestas realizadas; realizar as actividades do proxecto educativo; asegurar que os nenos/as con menús específicos inxiran o seu menú adaptado; poder administrar medicación no caso de que a necesiten; e controlar diariamente as asistencia, así como ofertar a modalidade de usuarios/as ocasionais.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Noventa persoas atenden a 1.100 nenos amienses nos comedores"