[03-07-2013] Esta mañá o concelleiro de educación, Bernardo Moar, achegouse ata as instalacións do CEIP da Maía para comprobar como se están desenvolvendo as primeiras xornadas do programa Escola de Verán. Este servizo, que está dirixido aos nenos e nenas de segundo ciclo de infantil e educación primaria, permite a conciliación da vida familiar e laboral. A Escola de Verán desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 a 16:00 horas. Este verán un total de 374 rapaces e rapazas farán uso deste servizo municipal. En Bertamiráns participan 170 nenos e nenas e no Milladoiro acoden a este servizo uns 204 rapaces e rapazas.
Un ano máis, coincidindo co comezou do mes de xullo, púxose en marcha o servizo municipal de conciliación Escola de Verán, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Este ano, como novidade, a execución do programa de conciliación corresponde á empresa Coesco SL, gañadora do concurso público. Os rapaces e rapazas poden asistir a este servizo por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes enteiro (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto).
As actividades que se desenvolverán xiran ao redor dunha temática única, tanto para os nenos e nenas de Bertamiráns coma para os do Milladoiro, que será 'O arco da vella' e que ten como obxectivo invitar aos nenos e nenas a viaxar con imaxinación e creatividade. O programa da Escola de Verán está dividido en catro grandes bloques que se corresponden coas quincenas de xullo e agosto. Deste xeito, durante unha quincena abordarase o tema titulado 'Construción do arco da vella', mentres que noutra realizarán actividades en torno á temática 'Por o arco da vella imos ao mundo celta'. As outras dúas temáticas serán: 'Por o arco da vella imos ao futuro' e 'Por o arco da vella volvemos ao presente'.
Obradoiros e xogos
Os obradoiros e actividades xirarán en torno á temática central escollida. Os rapaces e rapazas participarán en diversos obradoiros de refugallo, xogos de auga, actividade de animación á lectura, clases de inglés e actuacións musicais. Os monitores/as e os rapaces van preparar unha coreografía para bailar todos xuntos. Incluso este baile será gravado para que quede de recordo. Deste xeito, intentarán simular unhas das coreografías que se soen representar en lugares públicos como rúas, prazas ou centros comerciais.
Para levar a cabo estas actividades, a empresa concesionaria do servizo (Coesco SL) contratou aos monitores/as que habitualmente atenden aos nenos e nenas amienses durante o curso escolar, xa que contan cunha experiencia e coñecemento do traballo nos servizos complementarios amienses. Ademais, aportaranse técnicos a maiores para axudar no desenvolvemento das actividades específicas. Deste xeito, contarase cun licenciado en Belas Artes, cun técnico audiovisual especializado en fotografía, vídeo e teatro, e cun director técnico de campamentos con ampla experiencia.
En Bertamiráns están inscritos 170 nenos e nenas. As actividades nesta localidade desenvólvense no CEIP A Maía, onde tamén se ofrecen os servizos de almorzo e xantar. Mentres, no Milladoiro participan 204 nenos e nenas, que están na EEI do Milladoiro e no pavillón polideportivo. O catering correrá a cargo da empresa Culinaria, que pertence ao grupo empresarial Coesco.






