Pestanas principais

O Comité de Emerxencia Social aproba a instrución sobre as axudas de emerxencia e garantía para a renda municipal básica

Mércores, 15 de abril de 2020

O Comité de Emerxencia Social celebrou a súa segunda xuntanza, na que fixo balance sobre a situación actual dos servizos sociais, destacando que continúa o incremento de usuarios e necesidades en emerxencia social. Na reunión aprobouse a instrución sobre as axudas de emerxencia social e garantía para a renda municipal básica, de forma que se facilitan os trámites necesarios así como a revisión de documentación dun modo áxil. Nesta nova xuntanza participaron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, a asesora xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico, e os voceiros dos grupos políticos que conforman o goberno, Blas García, David Santomil e Genma Otero.

O Comité de Emerxencia Social constituise co ánimo de coordinar accións e anticiparnos na medida do posible psra poder dar cobertura ás demandas de primeira necesidade e realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes axudas municipais para o seu reforzo durante a crise do Covid-19. O obxectivo final é o de cubrir todas as necesidades básicas dos usuarios e usuarias dos Servizos Sociais, así como dos novos casos que van xurdindo resultado da situación de desemprego, falta de ingresos e confinamento.

O comité aprobou a instrucción sobre as axudas de emerxencia social e garantía para a renda municipal básica, de forma que se facilitan os trámites necesarios así como a revisión de documentación dun modo áxil. A proposta de instrución recolle, en canto á tramitación dos procedementos de renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, que se garantirá a elaboración e pagamento das prestacións económicas nos prazos establecidos. Así mesmo procurarase, tendo en conta os medios persoais e técnicos, resolver os expedientes que estean completos e as reanudacións e modificacións que sexan posibles, así como tramitar novas solicitudes, sempre e cando o autorice a persoa solicitante. Ademais, en canto aos requirimentos de documentación que fosen necesarios, e dentro dos límites permitidos pola normativa aplicable, serase o máis flexible posible, permitindo a achega de documentación por correo electrónico, ou por calquera outro medio que permita a verificación da información necesaria.

En canto á documentación necesaria, as persoas solicitantes e membros da unidade de convivencia maiores de 18 anos asinarán as autorizacións de cesión de datos doutras administracións públicas (SEPE, INSS, TGSS, AEAT e Dirección Xeral de Catastro) e doutros departamentos municipais (Padrón Municipal e Oficina de Recadación Municipal) a través dos modelos de autorización. Respecto á documentación mínima necesaria que deben emitir os/as traballadores/as sociais (informe social e proxecto de integración social personalizado) darase validez ao informe social que se realizará cos datos recollidos telefonicamente ou por calquera outro medio válido, e coa valoración da documentación acompañada polas persoas interesadas e a solicitada de oficio polo departamento, sen que sexa imprescindible en todo caso que se realice unha visita domiciliaria, e sen prexuízo de que esta se deba realizar cando se restaure á situación de normalidade. As solicitudes de prestacións presentaranse por Rexistro, previa cita. Facilitaranse os formularios de solicitude por calquera medio telemático ou por calquera medio habilitado ao efecto.

No caso do proxecto de integración social admitirase que o asine a persoa solicitante presentando unha copia asinada por calquera medio telemático. En caso de que a persoa interesada non dispoña de medios telemáticos, e como algo excepcional, será o/a traballador/a social quen o asine, o/a cal deberá facer constar mediante unha declaración responsable, que a persoa solicitante se compromete a cumprir os obxectivos do proxecto. Asemade, mentres dure o estado de alarma a modalidade de talón nominativo será sustituído preferentemente por ingreso en conta bancaria que facilite a persoa interesada, aberta ao seu propio nome ou de calquera membro da unidade familiar, e de forma extraordinaria por unha prestación en efectivo mediante o procedemento de anticipo de caixa.

Reparto de alimentos
No balance que o Comité de Emerxencia Social fixo sobre a evolución da situación desde que se decretou o estado de alarma, séguese a detectar un incremento nas demandas das familias máis necesitadas en relación ao reparto de alimentos. O Concello está valorando, así, a compra de máis produtos con fondos propios municipais. Asemade, continúase os venres co reparto de lotes saudables (froita, verdura, queixo, iogures) entre as familias con nenos e nenas en comedor escolar bonificados con informe social.

Liñas de axudas dos Servizos Sociais
Co ánimo de seguir apoiando as asociacións sen ánimo de lucro que colaboran cos Servizos Sociais acordouse sacar a convocatoria nas vindeiras semanas. Igualmente, e tamén coa intención de favorer ás familias numerosas con menos recursos, sacarase a convocatoria de axudas nestas semanas.

Equipos de protección
O Comité de Emerxencia Social tamén está a traballar na necesidade de contar con equipos de protección unha vez comece a normalizarse a situación, o que implicaría unha volta ao traballo nunhas boas condicións de seguridade para os traballadores e traballadoras.

Liña 900
O Comité de Emerxencia Social decidiu habilitar, a finais desta semana, unha liña 900, un número de teléfono gratuito para os Servizos Sociais, que dará opción de falar con Milladoiro ou Bertamiráns para citas, dúbidas ou consultas, facilitando así a comunicación cos ususarios e usuarias nestes momentos de dificultade.

oficinas do Milladoiro