- Tematica
Este mércores, 20 de maio, o Comité de coordinación policial mantivo unha nova xuntanza na que se realizou un seguimento da xestión da crise sanitaria polo coronavirus e analizáronse as novas directrices marcadas dende o Goberno do Estado. O obxecto da reunión foi abordar a situación actual no concello, tralas medidas tomadas polo Goberno central, para atallar a crise sanitaria e coordinar as actuacións a desenvolver, que garantan o cumprimento das mesmas nesta fase 1 de desescalamento na que nos atopamos. A reunión de seguridade local incidiu na importancia de respectar as normas para a desescalada do confinamento.
Este mércores pasado, 20 de maio, celebrouse unha nova reunión de coordinación policial á que asistiron o alcalde, Jose Miñones, o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, o comandante do posto da Garda Civil do Milladoiro e o inspector xefe da Policía Local de Ames. Os corpos de seguridade e o Concello coordinaron as súas accións para frear o contaxio entre a poboación agora que comeza a desescalada do confinamento domiciliario. Tanto Policía Local como Garda Civil están a realizar unha tarefa informativa de cara a aquelas persoas que teñen dúbidas respecto do actual estado de alarma, ao mesmo tempo que impoñen sancións a aquelas persoas que coas súas accións poñen en perigo a saúde do resto da poboación.
248 denuncias por incumprimentos das medidas de seguridade
Ademais, os máximos responsables da seguridade cidadá local analizan toda a información do concello amesán relativa ás derivadas do coronavirus. Así, dende a entrada en vigor do estado de alarma e ata o 20 de maio, realizáronse polo Policía Local de Ames unha media de 8 controis de estradas ao día, e tramitaron un total de 248 denuncias por incumprimentos das medidas de seguridade.
Tanto a Garda Civil como a Policía Local teñen activados os seus respectivos dispositivos e mobilizados a todos os seus efectivos co fin de garantir que se cumpran as medidas establecidas durante a vixencia do estado de alarma. Por outra banda, ambos corpos de seguridade coordinan todas as súas actuacións para facer fronte á pandemia e manteñen un contacto diario, así de como intercambio de información en busca de optimizar recursos e atender ás situacións que van xurdindo.
Reforzo do servizo de vixilancia
Durante toda a semana, estívose incidindo na labor informativa, máxime, fronte ao descoñecemento que xeran as novas medidas co paso de fase. Ante estes cambios o que se lle estivo a trasladar a todos os veciños e veciñas de Ames é que fagan uso do sentido común, que manteñamos a calma e disciplina que nos levou a ter moi bos datos cunha taxa de contaxio moi baixa e para iso temos que seguir facendo as cousas ben.
Non obstante nos vindeiros días incrementaranse as medidas de vixilancia e control, co obxecto de garantir que se respecte a mobilidade dentro da provincia para visitar a familiares sen unha franxa horaria determinada, non superar as reunións de ata 10 persoas sempre que se manteñan as distancias de seguridade, o respecto do aforo nas terrazas de ata o 50% da súa capacidade sempre que se manteña a distancia mínima de 2 metros e ata un máximo de 10 persoas por grupo; e o aforo limitado ao 30% no pequeno comercio, entre outras medidas.
Agradecemento polo cumprimento maioritario que se está a facer en Ames
Por parte do alcalde, José Miñones, recórdase que “debemos lembrar que seguen vixentes as limitacións e franxas horarias por idades para os paseos e a actividade deportiva non federada e que se permite acudir ás terrazas fóra dos límites que establecen ditas franxas horarias”. Ao mesmo tempo pide “colaboración e respecto das novas medidas xa que o virus segue estando activo e temos que ser moi prudentes para evitar repuntes e seguir avanzando cara á nova normalidade con todas as garantías posibles. É importante que manteñamos a disciplina e cumpramos coas medidas tal e como se veu facendo en Ames ata o de agora”, destaca o alcalde.
Así como agradece á cidadanía de Ames “o cumprimento maioritario que se está a facer en Ames” e agradece a implicación e compromiso da Policía Local e Garda Civil, por "manter a orde ante a emerxencia que está a sufrir o país, ademais dos servizos de limpeza, servizos sociais a todo o persoal sanitario".