[25-05-2011] A nutricionista municipal impartirá o día 26 de maio, ás 20:00 horas, unha charla sobre a alimentación na idade escolar. Esta actividade está dirixida a todos os pais e nais que teñen fillos/as en idade escolar e desenvolverase no comedor da Escola Infantil do Milladoiro. As familias poderán resolver as súas dúbidas sobre os conceptos básicos da alimentación. O pasado 19 de maio realizouse esta mesma charla pero no comedor do CEIP A Maía. Esta actividade enmárcase dentro do proxecto que está dirixido a intervir e informar aos distintos grupos de poboación para a promoción dunha alimentación saudable.
O Concello de Ames segue aconsellando en materia de nutrición a todos os e as amienses. Esta vez tócalle a quenda aos pais e nais que teñen fillos/as en idade escolar, unha etapa con fases de cambio moi importantes e decisivas no futuro crecemento. Así, a nutricionista do Concello ofrecerá este xoves, 26 de maio ás 20:00 horas, unha charla no comedor da Escola Infantil do Milladoiro, na que todos os asistentes poderán recibir información e resolver as súas dúbidas en materia de alimentación. Esta mesma charla xa se impartiu o día 19 de maio no comedor do CEIP A Maía.
Esta actividade enmárcase dentro do proxecto que está dirixido a intervir e informar aos distintos grupos da poboación para a promoción dunha alimentación saudable. A charla sobre a alimentación na idade escolar, dirixida a todos aqueles pais e nais que teñen fillos de 3 a 12 anos, comezará cunha exposición, por parte da nutricionista, na que se lle explica aos participantes os conceptos básicos sobre a alimentación na idade escolar. Na alimentación dun neno/a interveñen varios axentes como son as familias, os mestres/as dos centros de ensino e o persoal que xestionan a rede municipal de comedores escolares. Por iso é preciso manter unha coordinación permanente entre estes axentes co fin de manter unha mesma liña nutricional.
A través desta actividade preténdese informar as familias para que os nenos e nenas adquiran hábitos alimenticios saudables. O tramo que vai dos 3 aos 12 anos é determinante para adquirir uns bos hábitos de alimentación. Se nesta franxa de idade non se aprende a comer correctamente despois é moi difícil cambiar os hábitos adquiridos. A nutricionista municipal explicaralle aos pais e nais como se equilibra un menú. A hora de realizar o devandito menú hai que ter en conta a idade do neno/a en cuestión porque non é o mesmo un cativo de tres anos que un rapaz que ten 10 ou 12 anos. Tamén hai que ter en conta a actividade física que realiza o neno/a.
De seguido, realizará unha explicación sobre os nutrientes, pirámide de alimentos, distribución da inxestión, etc. O número de inxestións que se recomenda é de cinco (almorzo, á media mañá, comida, merenda e cea). Tamén se lembrará a importancia que ten o almorzo na dieta dun neno/a. Nesta inxestión débense incluír sempre un produto lácteo, cereais e froita.
A charla rematará cunha exposición sobre as funcións e características do comedor escolar. A nutricionista aproveitará esta charla para facer un intercambio de opinións sobre o funcionamento da rede municipal de comedores escolares. Todas as semanas publícase na web municipal o menú que se serve na rede municipal de comedores escolares e varias suxestións para as ceas. A través desta iniciativa preténdese orientar a todas as familias na educación alimentaria dos seus fillos/as.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Alimentación en edad escolar para O Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Los usuarios de los comedores escolares de Ames, celíacos por un día"