[31-03-2018] A exposición “As asombrosas mulleres saharauís” está conformada por un conxunto de retratos, a grafito e acuarela sobre papel, de mulleres da Unión Nacional de Mulleres Saharauís. Ligada ao Fronte Polisario, a Unión ten, como esta exposición, o obxectivo de visibilizar a muller na sociedade saharauí, tamén na súa loita polo dereito á autodeterminación. A mostra, cuxos retratos foron elaborados polo artista francés Gaëtan Pelhâtre, conta coa colaboración da Universidade de Rennes 2 e do Centro de Estudos sobre o Sáhara Occidental (CESO) da Universidade de Santiago. A exposición pódese ver ata o vindeiro 30 de abril, de luns a venres, de 09:00h a 21:00 horas, no Colexio de Fonseca.
“As asombrosas mulleres saharauís” pretende retratar, a través dos seus rostros, a emancipación da muller saharauí nos últimos corenta anos, ligada á loita pola liberación nacional. Unhas mulleres, depositarias involuntarias da responsabilidade da supervivencia do seu pobo, que foron quen de construír unha nova estrutura social, conscientes do seu dereito á igualdade, e de superar as divisións tribais para tornárense en cidadás de pleno dereito, visibles e loitadoras.
Así, a exposición está conformada por retratos de diferentes mulleres da Unión Nacional de Mulleres Saharauís (UNMS), unha rama do Fronte Polisario nacida co obxectivo de dar visibilidade á muller na sociedade, tamén na loita polo dereito á autodeterminación. O artista e bibliotecario da Universidade de Rennes, en Francia, Gaëtan Pelhâtre, foi o encargado de retratar a estas mulleres, que hoxe desempeñan diferentes profesións ligadas á medicina, o ensino, o xornalismo a enxeñaría ou a arte, entre outras.
Os retratos, que foron realizados a grafito e acuarela sobre papel, pódense ver ata o vindeiro 30 de abril, de luns a venres, de 09:00h a 21:00 horas, no Colexio de Fonseca. A exposición conta coa colaboración da Universidade de Rennes 2 e do Centro de Estudos sobre o Sáhara Occidental (CESO) da Universidade de Santiago.




