[16-11-2017] Este sábado, 18 de novembro, o colectivo Patrimonio Galego organiza unha ruta polas terras da Maía. Trátase dun percorrido sinxelo e circular, de 4,5 quilómetros, que pasará por petróglifos, castros, antigas fábricas de papel e varias pontes. A saída está marcada para as 10:30 horas, na Parrillada Milongas, en Aldea Nova. Despois da realización da ruta, haberá un xantar de confraternidade neste local, para o que haberá que inscribirse no enderezo de correo electrónico patrimoniogalicia@gmail.com. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, participará desta andaina que decorrerá por varios puntos de interese do patrimonio amesán.
A proposta do colectivo Patrimonio Galego para este sábado, 18 de novembro, é a realización dunha ruta circular, de 4,5 quilómetros, polas terras da Maía. O percorrido escollido pasará por petróglifos, castros, antigas fábricas de papel e curiosas pontes. A camiñada será aproveitada, ademais, para a retirada da Ponte Cabirta da lista vermella de bens en perigo de desaparición.
Deste xeito, a ponte pasará a estar catalogada, desde ese momento, como un ben cultural máis sen perigos inmediatos. A Ponte Cabirta é un antigo paso do río Sar, que estivo a piques de desaparecer tras as riadas dos anos 80. Ata que o Concello de Ames realizou diversas labores de recuperación, atopábase en situación de abandono. Na actualidade, pódese visitar e apreciar o seu curioso arco.
O punto de encontro para a realización da andaina será a Parrillada Milongas, en Aldea Nova. De alí partirá a ruta ás 10:30 horas. Trala camiñada, que rematará no punto de partida, posto que é unha ruta circular, haberá un xantar de confraternidade na Parrillada Milongas, para o que haberá que inscribirse a través do enderezo de correo electrónico patrimoniodegalicia@gmail.com. A comida será ás 14:00 horas.
A realización desta ruta encádrase dentro das conmemoracións polo Día do Patrimonio Mundial, marcado polo Unesco -a axencia da ONU para as ciencias, a cultura e a educación- o 16 de novembro. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, participará desta andaina centrada no patrimonio das terras da Maía.