Pestanas principais

O Club Voleibol Bruxas xógase o play off polo título da Liga Provincial Xuvenil

Venres, 18 de marzo de 2011

[18-03-2011] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolle este sábado 19 o play off pola fase final da Liga Provincial Xuvenil Feminina de A Coruña de voleibol. O Club Voleibol Bruxas - IES de Ames, equipo local, xogará contra o Voleibol Dumbría a segunda semifinal a partir das 12:00 horas. A outra semifinal enfrontará ao Boiro Voleibol contra o AD Xiria Asesoría Cervantes de Carballo ás 10:00 h. da mañá. Esta fase final completarase pola tarde entre as 17:00 h. e as 21:00 horas coa disputa dos partidos polo terceiro e cuarto posto e a final, que pechará a xornada.

Este sábado, día da festividade de San Xosé, tamén é día para o voleibol en Ames. Dende as 10:00 h. da mañá no pavillón de Bertamiráns celébrase o play off pola fase final da Liga Provincial Xuvenil Feminina de A Coruña de voleibol. A xornada abrirase coa disputa da semifinal entre o AD Xiria Asesoría Cervantes de Carballo e o Boiro Voleibol. A segunda eliminatoria terá lugar ás 12:00 horas e enfrontará ás xogadoras locais do Club Voleibol Bruxas contra as do Voleibol Dumbría. Os equipos vencedores das dúas semifinais disputarán esa mesma tarde a final ás 19:00 horas, posto que a xornada vespertina se abrirá co partido polo terceiro e cuarto posto que dará comezo ás 17:00 horas.

Estas fases finais fanse polo sistema de concentración, é dicir, todos os encontros xóganse na mesma cancha co fin de que o público alí presente non se teña que desprazar para presenciar todo os partidos. O campión desta fase final provincial, xoga a promoción de ascenso á Liga Xuvenil Galega contra o último clasificado da mesma e subcampión contra o penúltimo clasificado.

O Voleibol Dumbría, rival na primeira eliminatoria do Club Voleibol Bruxas - IES de Ames é un equipo contra o que na fase regular, o equipo amiense ten un balance dunha vitoria como local e unha derrota como visitante, polo que se prevé un encontro disputado, aínda que, como di, Fernando Lizoain, presidente do CV Bruxas, neste caso "contamos co factor cancha". Un factor campo conseguido despois de que o Bruxas, contando co apoio do Concello, lle propuxo como sede para a final o pavillón de Bertamiráns, algo que finalmente se conseguiu.

Polo que, para a consecución do título o apoio dos veciños e veciñas amienses será chave para que as xogadoras se sintan arroupadas en todo momento e consigan esa vantaxe que proporciona o xogar como local. Como di Fernando Lizoain "hai que ter o pavillón ata os topes, porque hai que ter en conta, que é deporte feminino, que temos poucos apoios, que costa moito traballo sacar isto adiante e que as rapazas fan unha gran labor levando o nome do Concello por aí adiante e o levan con orgullo". Por iso, máis ca nunca, este sábado Ames ten que apoiar ao deporte do voleibol e ateigar o pavillón de Bertamiráns dende a primeira hora da mañá.