Pestanas principais

O Club Voleibol Bruxas – IES Ames gañou a fase final interzonal cadete feminina e xogará a fase de promoción á Liga Galega

Mércores, 09 de abril de 2014

[09-04-2014] O pasado domingo, 6 de abril, celebrouse en Carballo a fase final interzonal cadete feminina, da que saíron os nomes dos dous equipos que xogarán a fase de promoción á Liga Galega. O CV Bruxas - IES Ames resultou vencedor desta eliminatoria e xunto ao outro finalista, o AD Xiria Carballo, pelexará por unha praza na principal liga autonómica cadete a partir do sábado 26 de abril. Ademais, o próximo domingo, 13 de abril, disputarase a última xornada das ligas onde participan os equipos de voleibol das categorías benxamín mixto, alevín mixto e infantil feminino das Escolas Deportivas do Concello de Ames.

A primeira semifinal da fase interzonal, disputada ás 10.00 horas, gañouna o CV Bruxas - IES Ames ante o CV Santiago en tres sets moi claros. O Bruxas saíu a conseguir esa praza que da dereito a pelexar polo ascenso á liga autonómica e apenas deixou capacidade de resposta ás súas rivais, cun contundente 25-7 no set inicial. As de Santiago melloraron a súa actuación a partir da segunda manga, pero non foi suficiente para facer fronte a un Ames moi superior que se clasificaba para a final por 25-14 e 25-11.

Ás 12.00 horas tivo lugar no Carballo Calero a segunda eliminatoria, moito máis axustada que a primeira, entre AD Xiria Gestiber e Dompa Rúa Ourense. Tras dous sets anotados polas ourensás na recta final por 25-22 e 25-20, o equipo anfitrión iniciou unha gran remontada nun terceiro set no que a emoción da pelexa polo billete á fase de promoción viviu o seu punto álxido. A igualdade foi máxima, e ningún equipo conseguía sentenciar o set, ata que, xa vencida a barreira dos 25 tantos, o Xiria Gestiber anotaba o seu primeiro set neste partido por 28 a 30, iniciando unha remontada que certificaban no cuarto cun 18-25. Na lotería do tie break, calquera dos dous equipos puido levar a vitoria, pero o conxunto de Carballo foi máis efectivo nos intres finais e acadou o billete á final por 12 a 15.

Así chegábase á xornada da tarde cos postos de ascenso ocupados xa polos finalistas, CV Bruxas - IES Ames e AD Xiria Gestiber, que se enfrontaban na final para delimitar os cruces da Promoción.

O CV Bruxas - IES Ames foi o gran dominador da fase, e coa mesma solidez que xogara no derbi matutino acometeu a final do torneo, superando ao equipo anfitrión en tres sets moi claros (25-18/25-16/25-11). A terceira posición foi para o Dompa Rúa que venceu tamén en tres sets ao CV Santiago (13-25/15-25/20-25) na final de consolación.

A fase de promoción á Liga Galega cadete xogarase nunha eliminatoria a dobre volta que arrinca o vindeiro sábado 26 de abril. Os dous finalistas interzonais enfrontaranse entón aos últimos clasificados da liga regular autonómica, quedando encadrado o CV Bruxas - IES Ames co XAV Cambados e o AD Xiria co Club Vigo Voleibol. Os gañadores destes cruces participarán na principal liga cadete da nosa comunidade a vindeira campaña.