[23-09-2011] O Club de Voleibol Bruxas en colaboración co Concello de Ames organizan o I Memorial José Víctor Ónega Carrera cun partido entre o Club Vigo Voleibol e o EMEVE Lugo, o sábado 24 de setembro ás 19:30 horas no Pavillón de Bertamiráns. Esta homenaxe débese á importancia que tivo este docente do IES de Ames no desenvolvemento deste deporte no noso concello. Ademais do partido, entregarase unha placa conmemorativa á familia do desaparecido profesor.
O Club de Voleibol Bruxas, xunto co Concello de Ames, organizan o sábado 24 de setembro, ás 19:30 horas, o I Memorial dedicado ao profesor José Víctor Ónega Carrera, que faleceu en abril do presente ano. Esta homenaxe consistirá nun partido de voleibol entre o Club Vigo Voleibol e o EMEVE Lugo, deporte que ten moito que agradecer no seu desenvolvemento a este docente.
José Víctor Ónega Carrera, profesor de Educación Física no IES de Ames desde o 1996, foi un docente moi preocupado por temas relacionados coa docencia do deporte, como queda constancia en libros publicados como Habilidades básicas na secundaria obrigatoria (1992) ou artigos como "Integración do alumnado con necesidades educativas especiais" (1999) na Revista Galega do ensino.
José Víctor Ónega foi o iniciador da práctica deste deporte no instituto de Ames no que estivo de docente. Pouco a pouco foi gañando importancia, ata formarse o club de voleibol Bruxas. Ademais do partido que se xogará na súa memoria, entregaráselle unha placa conmemorativa á familia, un agasallo do club e do Concello de Ames.