O equipo feminino do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas gañou esta fin de semana o campionato galego sénior feminino, que se disputou este sábado, 6 de abril, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. En semifinais gañáronlle ao Zalaeta da Coruña por 3-2, nun último set de infarto no que o equipo amesán impúxose por 16 puntos a 14. Na final, impuxéronse ao Calasancias Coruña por 3 sets a 1. Ademais, a xogadora do C.V. Bruxas, Sara Antelo, foi nomeada MVP do torneo logo de alcanzar a cifra de 24 puntos na semifinal e 31 puntos na final. O equipo amesán e mailo Calasancias Coruña clasificáronse para a fase de ascenso a primeira división feminina que se xogará do 9 ao 12 de maio na cidade de Haro, na Rioxa.
O pavillón municipal de Bertamiráns acolleu este pasado sábado, 6 de abril, o campionato galego sénior feminino no que participaron o equipo do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas, que exerceu de club organizador xunto co Concello de Ames e maila Federación Galega de Voleibol, o Zalaeta da Coruña, o Calasancias Coruña e o Club Korbis Desguaces Manolo de Monforte. Cómpre destacar que foi a primeira vez que Ames foi sede deste campionato galego de voleibol sénior feminino.
Na primeira semifinal enfrontáronse o Vitaldent Santiago C.V. Bruxas contra o Zalaeta da Coruña. Esta primeira semifinal estivo moi igualada e decidiuse no quinto e último set por 16-14 para as rapazas do C.V. Bruxas. O primeiro set gañouno o Zalaeta da Coruña por 22-25; no segundo impúxose o C.V. Bruxas por 25-22; o terceiro volveuno a gañar o equipo coruñés por 16-25; e o cuarto foi para o equipo amesán por 25-11. A segunda semifinal tamén estivo moi igualada e gañouna o Calasancias Coruña por 3 sets a 2 ao Club Korbis Desguaces Manolo de Monforte.
Na final, o Vitaldent Santiago C.V. Bruxas comezou perdendo o primeiro set por 24-26, pero déronlle a volta ao resultado gañando os tres seguintes sets por 25-11, 25-21 e 25-14, impoñéndose ao Calasancias Coruña e conseguindo, por primeira vez, o campionato galego sénior feminino. Ademais, a xogadora do C.V. Bruxas, Sara Antelo, foi nomeada MVP do torneo despois de alcanzar a cifra de 24 puntos na semifinal e 31 puntos na final.
O equipo de primeira división autonómica feminino do C.V. Bruxas, máxima categoría autonómica, leva catro anos consecutivos disputando este campionato galego sénior, e por primeira vez, conseguiu gañalo. Nas temporadas 2017-2018 e 2016-2017 quedaron terceiras, mentres que na temporada 2015-2016, na primeira ocasión que xogaban dito campionato, foron cuartas. Este é o colofón a unha gran tempada na que quedaron primeiras na fase regular con só unha derrota. Deste xeito, o equipo amesán e mailo Calasancias da Coruña clasificáronse para a fase de ascenso a primeira división feminina que se xogará do 9 ao 12 de maio na cidade de Haro, na Rioxa.