O equipo feminino do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas xoga esta fin de semana na cidade de Haro, na Rioxa, a fase de ascenso a primeira división feminina. As xogadoras amesás xunto co equipo técnico viaxan hoxe cara a cidade rioxana onde os días 10, 11 e 12 se disputa dito torneo no que participan sete equipos. As rapazas do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas chegan a esta fase de ascenso despois de quedar en primeira posición no campionato galego sénior feminino, que se disputou o sábado, 6 de abril, no pavillón polideportivo de Bertamiráns.
O equipo feminino do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas afronta un novo reta esta fin de semana. Por primeira vez na súa historia disputan a fase de ascenso a primeira división feminina. Un torneo ao que chegaron despois de gañar o pasado 6 de abril o campionato galego sénior feminino, que se disputou no pavillón polideportivo de Bertamiráns. En semifinais gañáronlle ao Zalaeta da Coruña por 3-2, nun último set de infarto no que o equipo amesán impúxose por 16 puntos a 14. Na final, impuxéronse ao Calasancias Coruña por 3 sets a 1. Ademais, a xogadora do C.V. Bruxas, Sara Antelo, foi nomeada MVP do torneo logo de alcanzar a cifra de 24 puntos na semifinal e 31 puntos na final.
Agora, durante os días 10, 11 e 12 de maio disputarán na cidade de Haro, na Rioxa, a fase de ascenso a primeira división feminina. O torneo está composto por dous grupos de tres e catro equipos entre os que estará o Haro Rioja Voley xunto a Aule (Castilla y León), CD Cristo Rey (Castilla y León), Bruxas C.V. (Galicia), RGC Covadonga (Asturias), La Calzada (Asturias) e D’Elhuyar Logroño Setem (Euskadi). Os partidos disputaranse en horario de mañá e tarde.
O equipo amesán está encadrado no grupo B co Haro Rioja Voley, La Calzada e CD Cristo Rey. O Vitaldent Santiago CV Bruxas debuta este venres, 10 de maio, ás 10.00 horas, contra o CD Cristo Rey. Posteriormente, en horario de tarde, o equipo amesán xogará contra o equipo anfitrión, o Haro Rioja Voley. O Bruxas C.V. pechará a fase de grupo xogando contra o equipo de La Calzada. Este partido disputarase o sábado 11, ás 11.30 horas. O sábado pola tarde disputaranse as semifinais e mailo partido polo quinto e sexto posto, mentres que o domingo 12, xogarase, ás10.00 horas, o partido polo terceiro e cuarto posto, e ás 12.00 horas, a gran final.
Ligazons relacionados:
El Correo Gallego: "Histórica cita para o Vitaldent Santiago Bruxas na fase de ascenso"






