Pestanas principais

O Club Ribeiras do Tambre acada unha medalla de ouro e outra de bronce no campionato de España infantil e cadete de piragüismo

Luns, 01 de agosto de 2016

[01-08-2016] Os rapaces e rapazas do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre seguen sumando medallas nos campionatos nos que participan. Esta vez o reto era máis complexo xa que competían no campionato de España infantil e cadete disputado este pasado sábado 30 e mailo domingo, 31 de xullo, no complexo deportivo David Cal, situado no embalse de Pontillón do Castro de Verducido. A representación amesá estivo composta por 15 rapaces e rapazas que lograron unha medalla de ouro (Luis Guilbert) e outra de bronce (Gabriel Martínez), así como un cuarto e un sétimo posto. O club Ribeiras do Tambre quedou sétimo a nivel galego e no posto vixésimo terceiro na clasificación de clubs de España.

O complexo deportivo David Cal acolleu esta pasada fin de semana o campionato de España de piragüismo para as categorías infantil e cadete no chamado Campionato de España de novas promesas e campionato de España de autonomías. Na edición deste ano a Federación Galega de Piragüismo bateu todas as marcas de inscrición nacional con 856 padexeiros. Ademais, neste campionato Galicia tamén superou a súa inscrición máis alta con 396 deportistas (un 46% do total). En canto ao número de equipos apuntados, estiveron en Verducido 89 clubs chegados de todas as comunidades autónomas de España dos que 26 pertenceron a Galicia.

En canto á representación amesán, o Club Ribeiras do Tambre contou cun grupo de 15 rapaces e rapazas. Unha vez máis, os padexeiros e padexeiras deste club amesán conseguiron uns excelentes resultados subindo o podio en dúas competicións e conseguindo unha medalla de ouro e outra de bronce. Deste xeito, o padexeiro Luís Guilbert conseguiu a medalla de ouro na proba K1 (categoría infantil B), proclamándose campión de España. Ademais, Gabriel Martínez quedou en terceira posición na proba de K1 correspondente á categoría cadete B, conseguindo así a medalla de bronce.

Por outra banda, na proba de K4 da categoría infantil A masculina a representación amesá estivo a piques de subir ao podio, pero finalmente quedaron en cuarta posición. Nesta mesma proba de K4, pero na categoría cadete masculina, os padexeiros amesáns quedaron na sétima posición. O club Ribeiras do Tambre quedou sétimo a nivel galego e no posto vixésimo terceiro na clasificación de clubs de España. Un magnífico posto tendo en conta os 89 clubs chegados de todas as comunidades autónomas de España.