Pestanas principais

O club de piragüismo Ribeiras do Tambre entrega ao alcalde de Ames e á concelleira de Deportes unha distinción polo apoio e colaboración do Concello

Sábado, 31 de agosto de 2013

[31-08-2013] Ao remate da celebración o pasado domingo na praia fluvial de Tapia da XXVIII edición do Descenso do Tambre, o presidente do club de piragüismo Ribeiras do Tambre fíxolle entrega ao alcalde de Ames, Santiago Amor; á concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e ao presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea, dunha distinción.

Coa entrega desta insignia de prata conmemorativa, o club quixo recoñecer o apoio e colaboración do Concello de Ames e da Federación Galega de Piragüismo para a celebración dunha nova edición do descenso do Tambre, na que participaron un total de 431 deportistas. A baixada do Tambre, organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames, é xa toda unha referencia para o piragüismo galego. 

Un ano máis, o río Tambre volveu encherse de piraguas e canoas. Foron moitos os veciños de Ames que o pasado domingo se achegaron ata a área recreativa de Tapia para gozar do piragüismo e ver os mellores padexeiros e padexeiras de Galicia, que se deron cita na XXVIII edición do Descenso do Tambre. Un total de 431 deportistas, pertencentes a 15 clubes de toda Galicia, competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías.