Pestanas principais

O club de piragüismo Ribeiras do Tambre acada dúas medallas de ouro no campionato de España de sprint olímpico

Luns, 16 de xullo de 2018

[16-07-2018] Os rapaces e rapazas do club de piragüismo Ribeiras do Tambre seguen sumando medallas nos campionatos nos que participan. Esta pasada fin de semana (os días 13, 14 e 15 de xullo) participaron no campionato de España de sprint olímpico que se disputou no embalse pontevedrés situado en Verducido. Gabriel Martínez gañou a medalla de ouro en K-1 200 metros. Ademais, Ángel González e Gabriel Martínez, quedaron campións en K-2 200 metros. Gabriel Martínez acudirá a finais de xullo ao Mundial júnior que se disputará en Plovdiv (Bulgaria).


O pasado fin de semana (os días 13, 14 e 15 de xullo) disputouse o campionato de España de sprint olímpico, correspondente ás categorías xuvenil e sénior, no embalse de Verducido, en Pontevedra. Alí, a representación amesá realizou unha excelente actuación conseguindo dúas medallas de ouro. Gabriel Martínez Pachón gañou a proba, da categoría xuvenil, de K-1 200 metros, proclamándose campión de España.

Gabriel xa gañou no pasado mes de maio a medalla de ouro nesta mesma proba na II Copa de España de sprint olímpico que se disputou en Trasona (Asturias). Gabriel Martínez acudirá a finais de xullo (do 26 ao 29 de xullo) ao Mundial júnior que se disputará en Plovdiv (Bulgaria), para representar a España en K-1 200 e K-4 500 metros.

Ademais, este mesmo padexeiro, Gabriel Martínez, acompañado de Ángel González Gómez, lograron a medalla de ouro, na categoría xuvenil, de K-2 200 metros, acadando o campionato de España. Estes dous padexeiros quedaron subcampións en K-2 200 metros, no mes de maio, na II Copa de España de sprint olímpico que se disputou en Trasona (Asturias).

Por outra banda, Gabriel Martínez obtivo o cuarto posto en K-1 500 metros, na categoría xuvenil, sendo o primeiro padexeiro sub 17 desta proba. Na proba de K-1 200 metros, Ángel González, conseguiu o quinto posto na final B, quedando na décimo cuarta posición nesta modalidade do campionato de España.


Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Dos metales más para el Ribeiras do Tambre"
El Correo Gallego: "Gabriel Martínez, del Ribeiras do Tambre, se proclama campeón de España esprín"
Lindeiros: "Dúas medallas de ouro no campionato de España de sprint olímpico para o Ribeiras do Tambre"