Pestanas principais

O Club de lectura do Milladoiro remata o curso cunha excursión polas Mariñas Coruñesas

Martes, 11 de xullo de 2017

[11-07-2017] As Fragas do Eume, a vila de Ares, o mosteiro de Santa María de Monfero, os xardíns do Pasatempo de Betanzos e a cinematográfica vila de Ares, onde os viaxeiros lembráronse da Julieta de Almodovar e do mesmísimo Padre Casares, foron algúns dos lugares visitados polo Club de lectura do Milladoiro na excursión de fin de curso. O club de lectura retomará a súa actividade a mediados de setembro. Mentres, os seus integrantes lerán textos por libre para despois comentar esas lecturas na primeira sesión do vindeiro curso que terá lugar a mediados de setembro.

“O O Club de Lectura está aberto a calquera persoa que polas circunstancias da vida deixara de ler e agora queira retomar o hábito e tamén a aquelas persoas que gosten de compartir os textos que len”, comenta Santiago Eirís, técnico das Bibliotecas Municipais e dinamizador deste club desde os seus inicios. “É unha reunión de amigos que len e comentan, unha reunión distendida, sen academicismos”, matiza Eirís ao tempo que convida á veciñanza de Ames a que se una o curso vindeiro a esta ágora literaria no que participan desde rapaces que aínda están estudando até cidadáns xubilados, “moitas máis mulleres que homes”, segundo conta o bibliotecario.

Na primeira reunión da tempada, o coordinador mostra a listaxe de libros que ofrece a Xunta de Galicia, listaxe que conta con libros en galego e en castelán. Logo entre todos, e polo tradicional sistema de votación, elíxense procurando incluír títulos en galego e en castelán, textos clásicos, obras contemporáneas e algunha novidade editorial. “Como mostra -comenta Eirís- este ano limos, entre outros, “A praia dos afogados” de Domingo Villar, “Cuentos Inquietantes” de Edith Wharton La lluvia amarilla de Julio Lamazares e o “Don JuanTenorio”.

Cómpre salientar que o Club de Lectura dedica dúas sesións ao longo do ano a que cada un dos seus membros recomende as súas lecturas particulares. Froito desta proposta, o club de lectura do Milladoiro compartiu este curso “Maus”, a novela gráfica de Art Spiegelman e as Novelas Ejemplares de Cervantes “foi estupendo reler un clásico, sempre que volves sobre eles atopas cousas novas”, salienta Eirís.

O Club de Lectura do Milladoiro reúnese cada quince días na Biblioteca Municipal do Milladoiro, os mércores a partir das 20:30. Calquera persoa interesada en formar parte do club só ten que achegarse até a biblioteca, dar o seu nome e estar disposto a ler e a compartir o lido.

Para o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, apoiar calquera iniciativa que fomente a lectura é unha obriga e é un pracer ao mesmo tempo porque “amosa que a nosa é unha sociedade viva, ávida de saber e de compartir coñecemento e unha sociedade que se move nestes parámetros sempre é unha sociedade moito máis sa”.