Pestanas principais

O club de lectura da Biblioteca Municipal de Ames cumpre dez anos con “moita vitalidade”

Sábado, 17 de xaneiro de 2015

[17-01-2015] O club de lectura da Biblioteca Municipal de Ames cumpre dez anos con “moita vitalidade, xente fiel e outra que vai e vén”, en palabras do seu animador e coordinador do centro, Santiago Eirís. Actualmente son doce mulleres e catro homes, de perfil dispar, incluídas dúas persoas de Bélxica e Suíza: “Temos seis xubilados que son hiperactivos, pero é un club nada cultureta, onde todos dan a súa opinión. Lemos moita novela, en galego e castelán, pero tamén teatro e poesía, aproximadamente un libro por mes”, segundo explica Eirís.

Ademais de ler e compartir, tamén ven películas adaptadas ou baseadas en libros e fan excursións literarias. Xa fixeron as rutas rosaliana e valle-inclanesca, e visitaron Celanova e Mondoñedo na busca dos espazos de senlleiros autores galegos como Celso Emilio Ferreiro e Álvaro Cunqueiro.  

Las uvas de la ira (John Steinbeck), cuxa adaptación cinematográfica viron logo de ler a novela, La ladrona de libros (Markus Zusak), Adulterio (Paulo Coelho) ou La elegancia del erizo (Muriel Barbery) son relatos que figuran na programación desta temporada. O vindeiro martes-20 reuniranse de novo na biblioteca do Milladoiro, ás 20:30 horas, e terán unha lembranza para o xornalista e articulista santiagués José Luis Alvite, finado estes días en Compostela.  

Os cativos tamén len 
“Que hai no ceo” é o tema elixido para reanudar as sesións de animación á lectura para nenos de tres anos en adiante, que promove a Biblioteca Municipal. As sesións son ás 18 horas, empezando polo luns-19 no local social de Augapesada, o martes-20 no de Bugallido, o mércores-21 na biblioteca de Bertamiráns e o xoves-22 na do Milladoiro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames anima a sumarse a un club de lectura sin edad y multicultural"