Pestanas principais

O club de atletismo Millaraio participa esta fin de semana no IV Campionato de España de Atletismo Infantil por Equipos en Puertollano

Xoves, 22 de xuño de 2017

[22-06-2017] Un total de vinte rapazas e rapaces, do club de atletismo Millaraio, participarán esta fin de semana no IV Campionato de España de Atletismo Infantil por Equipos, en Puertollano. Hoxe realizouse a presentación no salón de plenos da Casa do Concello de Ames, da man do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, e do presidente do club Millaraio, José David García Arcos.

Esta fin de semana 20 rapazas e rapaces estarán competindo en Puertollano, no IV Campionato español de atletismo infantil por equipos. O club participou neste campionato nos últimos catro anos. Nas primeiras edicións, o Millaraio só acudiu cun equipo masculino, porén, desde o ano pasado, tamén ten participado un equipo feminino. García Arcos tamén quixo destacar a concepción do campionato como un premio pola constancia e esforzo das e dos atletas. “Para elas e eles, o campionato é un premio, evidentemente vanse a esforzar e a dar o mellor de si, mais sen esixencias. O importante é que aproveiten a experiencia. Para nós o importante non é a competitividade, senón que primen o esforzo e o compañeirismo por riba das demais cousas”.

Pola súa parte, o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones destacou o traballo que o Concello está a realizar para pór en valor e visivilizar outros deportes, alén do fútbol. “Desde que entramos no goberno municipal quixemos apoiar outro tipo de deportes, máis alá do fútbol, a través do Consello Municipal de Deportes. Desde este órgano procuramos que todos os deportes se vexan representados, intentado fomentar a aparición de novas disciplinas deportivas” Miñones tamén puxo en valor o feito de que haxa empresas privadas que apoien o deporte local. “As entidades privadas son chave para apoiar o deporte. Ao Concello gustaríalle que as empresas privadas estivesen detrás de cada club, xa que iso evitaría que o Concello tivese que asumir determinados custes a través de subvencións, e podería destinar o diñeiro para a construción de novas instalacións como, por exemplo, unha pista de atletismo”.

Por último, García Arcos agradeceu o apoio brindado polo Concello e tamén pola empresa privada Addomo, de arquitectura modular, que é a nova patrocinadora do club. “Sen a súa axuda, este tipo de viaxes tornaríanse moi complicados de realizar, polos elevados gastos que supoñen para o club”, afirmou o presidente do Millaraio.

Un campionato diferente
Este campionato presenta un formato diferente ao da maioría de eventos deste tipo. As súas probas son catro concursos e catro carreiras, cos que se prima que as e os atletas non se especialicen nunha soa proba. “Un formato que se axusta á perfección á filosofía do club Millaraio, xa que nós procuramos que as rapazas e os rapaces proben todas as disciplinas posibles, e non se especialicen nestas idades nun só tipo de proba”, afirma García Arcos.

O campionato que se desenvolverá en Puertollano, será tanto o sábado de tarde como o domingo pola mañá. Nas carreiras as probas serán: 80 metros lisos, 80 metros vallas, mil metros, e dous mil de marcha. Nos concursos hai lonxitude, altura, xavelina e peso. Cada participante terá que competir nunha proba de carreiras e noutra de concurso. A maiores, varios atletas realizarán unha proba de relevos.