[18-01-2018] O pasado venres, 12 de xaneiro, celebrouse a Gala do Atletismo Galego de 2017 no Concello de O Barco de Valdeorras baixo un ambiente de festa e recoñecemento a gran labor de todo o colectivo atlético. Un dos premios recaeu no Club de atletismo MillaRaio que foi recoñecido como o mellor club de base de Galicia de 2017. Este premio chega no ano no que dito club amesán celebra o seu décimo aniversario, o que suporá un impulso para continuar e ampliar a actividade do MillaRaio.
O Club Atletismo MillaRaio vén der ser galardoado, na Gala do Atletismo Galego, como o mellor club de base de Galicia de 2017. Deste xeito, faise un especial recoñecemento da gran tempada feita por este club amesán, que durante o pasado ano conseguiu uns resultados históricos. Zulfa Muíño conseguiu a primeira medalla nacional individual da historia do club no campionato de España infantil individual. Foi bronce na categoría de tríatlon feminina E de marcha, xavelina e 80 metros lisos.
Por outra banda, Claudia Costas foi a primeira medallista absoluta da historia do club. Esta rapaza, sendo cadete, conseguiu a medalla de bronce en salto de lonxitude no campionato galego absoluto. Foi un grande éxito tendo en conta que competiu con atletas de categoría superior.
Na categoría masculina, destacan os logros conseguidos por Torcuato Labella, que foi dobre medallista no campionato galego de lanzamentos de inverno (conseguiu a medalla de ouro en lanzamento de disco e bronce en lanzamento de xavelina) e por Daniel Mato que ao igual que o seu compañeiro tamén foi dobre medallista nos campionatos galegos de inverno e de verán, conseguindo a medalla de ouro en lanzamento de xavelina en cada un dos campionatos.
Asemade, os equipos infantís masculino e feminino clasificáronse para o campionato de España por equipos. O equipo masculino quedou na décimo segunda posición, mentres que o equipo feminino foi décimo. Deste xeito, lograron a mellor clasificación da historia do club e foron os mellores de todos os clubs galegos que participaron en dito campionato. Por último, o equipo masculino cadete de combinadas logrou a medalla de bronce no campionato galego de probas combinadas por equipos absoluto.
O presidente do MillaRaio, José David García Arcos, destacou “a participación do club en todas as disciplinas atléticas logrando grandes resultados en todas elas, desde a marcha ás probas combinadas pasando polos lanzamentos, o campo a través a velocidade e os saltos. O galardón ten máis importancia se cabe tendo en conta os poucos anos que pasaron dende a creación do club, que esta tempada celebra o seu décimo aniversario. Este premio suporá un impulso para continuar e ampliar a actividade do MillaRaio”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El MillaRaio, premiado como el mejor club de base de Galicia 2017"
Lindeiros: "O MillaRaio premiado como mellor club de base de Galicia de 2017"




