Pestanas principais

O club de atletismo MillaRaio consegue a primeira medalla nun campionato de España

Martes, 13 de xuño de 2017

[13-06-2017] O club de atletismo MillaRaio continúa conseguindo éxitos. Nesta ocasión, este club amesán vén de participar en dúas grandes citas: no campionato de España infantil individual en Valladolid e no campionato galego cadete individual en Ferrol, onde conseguiron importantes éxitos. No campionato de España gañaron a primeira medalla na historia do club e no campionato galego lograron cinco triunfos.

Ao campionato de España infantil desprazáronse un total de 4 atletas, sendo a máxima participación do club nestes campionatos, e logrando Zulfa Muíño a primeira medalla nacional da historia do club, conseguindo o bronce na categoría de triathlon feminina E. Tamén na categoría feminina, Deki Mato, logrou un valioso oitavo posto na categoría triathlon B. Na categoría masculina, Mateo Aller logrou o posto 21 na categoría triathlon C e Iago Cid o posto 23 na categoría triathlon B.

Por outra banda, no campionato galego cadete individual de Ferrol a representación do club de atletismo MillaRaio elevouse a 18 atletas, logrando a maioría mellorar as súas marcas persoais e logrando un total de 5 medallas. Cómpre destacar os campionatos galegos de Dani Mato na xavelina e de Claudia Costas na lonxitude que ademais lles outorgan praza na selección galega para o campionato de España cadete de seleccións autonómicas.

A estas medallas uníronse tres bronces logrados por Claudia Costas nos 300 valos, sendo a súa segunda medalla nos campionatos, David Álvarez Celemín na pértega e Pablo Díaz nos 1.500 obstáculos.