Pestanas principais

O club de atletismo Milla Raio organiza a segunda carreira-andaina solidaria

Martes, 29 de marzo de 2011

[29-03-2011] Recadar fondos para as persoas de Galicia que máis o precisan será o obxectivo da carreira-andaina solidaria que por segunda vez organiza o Club de Atletismo Milla Raio. Baixo o lema "Nós corremos polos demais, e ti?" o club organiza da man de Cáritas-Milladoiro este evento para o próximo domingo 3 de abril. A participación na carreira requirirá o pago dun donativo de tres euros, e estará apadriñada polo atleta Pedro Nimo del Oro. Haberá cortes esporádicos de tráfico polas rúas da área deportiva do Milladoiro, lugar por onde pasará a carreira.

O Club de Atletismo Milla Raio organiza un ano máis, en colaboración con Cáritas-Milladoiro, a carreira-andaina solidaria. A primeira edición destinou os fondos recadados para a axuda internacional a Haití, pero nesta ocasión serán as familias menos favorecidas da nosa propia Comunidade Autónoma as que reciban os beneficios deste evento solidario. A carreira nas súas diferentes categorías terá lugar o domingo 3 de abril a partir das 11:00 horas na área deportiva do Milladoiro. A carreira estará apadriñada polo atleta santiagués Pedro Nimo del Oro e organízase baixo o lema "Nós corremos polos demais, e ti?".

A veciñanza de Ames que se anime a participar neste evento a prol das persoas menos favorecidas poderá concorrer en varias categorías habilitadas por idades. Así, os prebenxamíns, nacidos en 2004 e os anos posteriores, correrán unha distancia de 300 metros. A saída desta proba terá lugar ás 11:00 horas. Ás 11:15 horas será a quenda dos benxamíns, nados en 2002 e 2003. Os nenos/as desta categoría correrán 1.000 metros, como os alevíns, categoría formada por nenos e nenas que naceran en 2000 e 2001. Esta carreira terá lugar tamén ás 11:15 horas.

Ás 11:30 tocaralles correr a infantís (anos 1998 e 1999) e cadetes (1996 e 1997). Estas categorías farán cadansúa carreira de 1.400 metros. As categorías superiores correrán todas elas 5.000 metros. É o caso da categoría xuvenil-junior, nacidos entre 1992 e 1995, promesa-senior, desde 1991 a 1976, e veteranos, os nacidos antes de 1976. As probas das tres categorías comezarán ás 12:00 horas. Ao remate das probas haberá un servizo de avituallamento líquido e sólido que correrá a cargo das entidades colaboradoras.

A iniciativa solidaria está aberta tamén a persoas que non teñan moita afección polo deporte ou non se atopen en boa forma física. Así, ás 12:00 horas terá lugar unha andaina na que todos eses veciños e veciñas poderán tomar parte sen someterse a un intenso esforzo físico. Outra forma de colaborar solidariamente será a entrega de alimentos non perecedoiros na Operación Kilo que se organizará no propio evento.

A entrega de premios e os sorteos terán lugar, ás 13:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Os tres primeiros clasificados de cada categoría establecida recibirán un diploma de honra acreditativo, contando xuvenil-junior e promesa-senior como unha única categoría. Ademais, a entidade que achegue un maior número de atletas a esta iniciativa deportiva recibirá un diploma especial.

Inscricións

Todas as persoas que desexen participar na segunda carreira solidaria terán que inscribirse antes do venres 1 de abril. Poden facelo no correo electrónico inscricionsFGAsantiago@gmail.com. Deberán incluír o seu nome e apelidos, a data de nacemento completa, o número de licenza e o correo electrónico. Deberá constar o club, empresa ou entidade á que pertence. Poden participar na carreira tanto atletas federados como non federados, sendo a clasificación final conxunta. O prazo de inscrición pecha ás 14:00 horas do venres. Para participar entregarase un donativo de 3 euros destinado integramente a Cáritas Milladoiro. Esta cantidade será abonada no momento de recollida do dorsal.