[01-04-2014] O Club Ciclista Os Esfola Arrós, en colaboración co Concello de Ames, e coa correspondente autorización da Federación Galega de Ciclismo e os organismos competentes, organizan a “V Marcha BTT Os Esfola Arrós-Concello de Ames” que se celebrará o domingo 13 de abril de 2014. A saída terá lugar as 9.30 horas dende a praza da Maía, que está situada en Bertamiráns. Previamente, de 8.15 a 9.20 os ciclistas participantes terán que recoller os dorsais.
Todas as persoas que desexen participar nesta actividade deberán realizar a correspondente inscrición ata o 10 de abril de 2014. A cota de inscrición é de 8 euros. As inscricións pódense realizar na seguinte ligazón: http://emesports.es/project/v-marcha-btt-os-esfola-arros/. A organización estableceu o número máximo de inscritos en 400 participantes. A marcha terá unha distancia de 42 quilómetros cunha dificultade técnica e física media.
Esta marcha ciclista de montaña está aberta a todos os ciclistas que estean en posesión da licenza federativa do ano en curso, e que teñan 15 anos ou os cumpran durante o ano 2014. Os ciclistas que non posúan a licenza federativa, poderá obter unha licenza, válida só para o día da proba, concedida pola Federación Galega de Ciclismo, debendo pagar un suplemento á cota de inscrición de 12 euros.
A organización disporá de ambulancia e asistencia sanitaria. Tamén haberá asistencia mecánica gratuíta, salvo pezas, cuxo custo será a cargo do interesado/a. Así mesmo, porase a disposición dos usuarios/as vestiarios con duchas e haberá lavado de bicicletas no pavillón polideportivo de Bertamiráns para todos os participantes. Haberá puntos de avituallamento tanto sólido como líquido. Ademais, será rigorosamente obrigatorio o uso do casco protector e levar posto o dorsal facilitado pola organización.
Ao final da proba entregaráselle un recordo aos participantes. Ademais, servíranse uns pequenos aperitivos xusto ao final da proba para todos os participantes segundo vaian chegando á zona de meta situada no parque interurbano do Pedregal, situado en Bertamiráns.
Por último, hai que destacar que os menores de idade, e que non se atopen en posesión da licenza federativa do ano en curso, para poder participar na marcha, deberán presentar unha autorización paterna ou do seu titor/a, onde deberá constar a autorización expresa para poder participar na V Marcha BTT Os Esfola Arrós - Concello de Ames. O impreso desta autorización pódeselle solicitar ao club.
I Trail de Montaña
Por outra banda, para participar no I Trail de Montaña tamén se haberá que inscribir ata o 10 de abril de 2014. Neste caso a cota inscrición é de 5 euros. Trátase dunha carreira de montaña que ten unha distancia de 16,5 quilómetros cunha dificultade técnica e física media. A saída realizarase ás 10.00 horas dende a praza da Maía, que está situada en Bertamiráns. Previamente, de 9.00 a 9.50 os ciclistas participantes terán que recoller os dorsais.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "O club ciclista Os Esfola Arrós organizan a V Marcha BTT e o I Trail de Montaña"




