Pestanas principais

O Club Ciclista Os Esfola Arrós consegue uns bos resultados na Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT

Martes, 18 de febreiro de 2020

A última das probas da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT celebrouse o pasado domingo, 16 de febreiro, en Camariñas. Despois das probas celebradas en Noia e en Ames, esta proba puxo fin a esta nova Liga na que os/as integrantes do Club Ciclista Os Esfola Arrós de Ames acadaron uns moi bos resultados na táboa de clasificación.

A proba celebrada en Camariñas estivo marcada polas inclemencias meteorolóxicas que dificultaron o recorrido do circuíto. Este discorría, na súa maior parte, a carón do mar, con zonas técnicas con moito barro e sendeiros onde houbo rachas de vento moi fortes que fixeron que esta proba resultase bastante dura.

A pesar destas dificultades, a parella formada por Jorge Pérez e Uxío Canosa acadaron unha magnifica segunda praza na categoría de dúos, o que lles fixo quedar segundos clasificados na xeral da Liga Galaica de Resistencia.

En canto ás parellas mixtas, Francisco Lueiro e Verónica Iglesias remataron na quinta posición na proba de Camariñas, co que sumando os puntos das outras dúas probas subiron ao podio como terceiros clasificados na xeral da Liga.

Jose Manuel Deus e Jesús Matos serían a segunda parella clasificada, nunha sexta posición xeral que lles asegura a sexta posición da Liga. Mentres que Isaac Insua e Ramón Castro chegarían a liña de meta como oitavos clasificados, e logo de disputarse as tres probas acabaron como oitavos clasificados por parellas.

Pablo Rodríguez e Christian Lapido (C.C. Padronés) realizaron unha magnifica carreira, quedando como oitavos clasificados e cunha gran onceava praza na xeral.

En Camariñas estreáronse na Liga Galaica Adrián Souto e Jorge Méndez. Despois de pequenos problemas mecánicos de Adrián, que se fixeron perder tempo, souberon repoñerse e acabar clasificándose entre as dez mellores parellas, e cos puntos sumados en esta carreira acadaron unha boa vixésimo segunda praza da xeral.

Os resultados nas categorías individuais

Pola súa parte, Nacho Casal logrou clasificarse co terceiro posto na categoría júnior e como trixésimo individual na clasificación de Camariñas. Uns puntos obtidos que lle aseguraron a terceira posición na categoría júnior na Liga Galaica.

David Noya tamén volveu facer unha moi boa carreira, clasificándose como sexto na categoría veterano A e como décimo segundo na categoría xeral, o que lle serviu para quedar como sétimo clasificado na veterano A e na doceava posición xeral da Liga.

Outro que conseguiu estar entre os dez mellores foi José Luís Tasende, que quedou como noveno na categoría Veterano B e nunha trixésimo cuarta posición na xeral.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bos resultados dos Esfola Arrós na Liga Galaica de Resistencia BTT"

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, participou no acto de entrega de premios

Multimedia

  • O Club Ciclista Esfola Arrós
  • O Club Ciclista Esfola Arrós
  • O Club Ciclista Esfola Arrós
  • O Club Ciclista Esfola Arrós
  • O Club Ciclista Esfola Arrós
  • Embedded thumbnail for