[22-09-2011] O Club Ciclista Ames colabora na celebración da I Marcha Ciclodeportiva Monte Gaias-Cidade da Cultura, organizada polo Club Ciclista Botafumeiro de Santiago de Compostela. Esta marcha ciclista terá lugar o 25 de setembro para promover o cicloturismo na comarca compostelá. Ademais aproveitarase este evento para homenaxear ao ciclista de Santiago de Compostela, David Blanco, gañador en catro ocasións da Volta a Portugal.
O Club Ciclista Ames colabora na celebración da I Marcha Ciclodeportiva Monte Gaias-Cidade da Cultura, organizada polo Club Ciclista Botafumeiro de Santiago de Compostela co obxectivo de promover o ciclismo en toda a comarca. A marcha comezará no Multiusos Fontes do Sar e dirixirase ata a Praza do Obradoiro, onde se dará oficialmente a saída ás 9:00 h da mañá, con dirección ao Milladoiro, Pazos, rotonda do Hotel Scala, Aluminios Cortizo, Extramundi, Lestrove, Alto de Bexo, Araño, subida Alto Pico Muralla (tramo libre), Noia, Alto de San Xusto (tramo libre), Bertamiráns, (tramo libre ata o final), Santiago, co final no Monte Gaiás - Cidade da Cultura.
Serán un total de 108 quilómetros, polo que se require un pouco de fondo físico. Con todo, irá un autobús detrás para recoller aqueles ciclistas que, por calquera motivo, non poidan rematar o recorrido. Cómpre lembrar que esta marcha non é profesional e que estará controlada en todo momento.
Este ano a marcha estará dedicada a homenaxear a traxectoria do ciclista compostelán, David Blanco, profesional galego que gañou catro voltas a Portugal e quince etapas en circuítos profesionais. A iniciativa, ademais de fomentar o cicloturismo, pretendo dar a coñecer o propio Monte Gaiás e a Cidade da Cultura, porque seguen a ser uns descoñecidos para toda a contorna, como sinala Rafael del Castaño, director do Club Ciclista Ames.
"Para inscribirse só hai que ser afeccionado ao ciclismo" sinala Rafael. Na páxina web do Club Ciclista Botafumeiro atópanse todos os datos precisos para poder realizar a inscrición. Os e as participantes non federados terán que facer a inscrición uns días antes da marcha, mentres que os federados poderana realizar incluso o día do evento. No tocante á idade, pode participar calquera, aínda que a organización fixou un teito de 400 participantes por motivos de control.
O ciclismo está a gañar adeptos ano tras ano no noso concello. O Club Ciclista de Ames leva catro anos en funcionamento;, comezou con 16 socios e hoxe chegou a 42.




