[26-08-2011] O Club Ciclista Ames colabora na celebración da I Marcha Ciclodeportiva Monte Gaias-Cidade da Cultura, organizada polo Club Ciclista Botafumeiro de Santiago de Compostela. Esta marcha ciclista terá lugar o 25 de setembro para promover o cicloturismo na comarca compostelá. Ademais aproveitarase este evento para homenaxear ao ciclista de Santiago de Compostela, David Blanco, gañador en catro ocasións da Volta a Portugal.
O Club Ciclista Ames colabora na celebración da I Marcha Ciclodeportiva Monte Gaias-Cidade da Cultura, organizada polo Club Ciclista Botafumeiro de Santiago de Compostela, promovendo o ciclismo en toda a comarca. A marcha terá a súa saída desde o Multiusos Fontes do Sar, ata a Praza do Obradoiro, onde se dará oficialmente a saída as 9:00 h da mañá, con dirección ao Milladoiro, Pazos, rotonda do Hotel Scala, Aluminios Cortizo, Extramundi, Lestrove, Alto de Bexo, Araño, subida Alto Pico Muralla (tramo libre), Noia, Alto de San Xusto (tramo libre), Bertamirans, (tramo libre ata o final), Santiago, co final no Monte Gaiás - Cidade da Cultura.
Serán un total de 108 quilómetros, polo que se require un pouco de fondo físico. Ademais, irá un autobús detrás para recoller a aqueles ciclistas que por calquera motivo non poidan rematar o recorrido. Cabe recordar que esta marcha non é profesional e estará controlada en todo momento.
Este ano a marcha estará dedicada a homenaxear a traxectoria do ciclista compostelán, David Blanco, profesional galego que gañou catro voltas a Portugal e quince etapas en circuítos profesionais. Ademais intentarase facer un fomento tanto do cicloturismo como do propio Monte Gaiás e da Cidade da Cultura, porque segue a ser un descoñecido para toda a contorna, como sinala Rafael del Castaño, director do Club Ciclista Ames.
"Para inscribirse só hai que ser aficionado ao ciclismo" sinala Rafael. Na páxina web do Club Ciclista Botafumeiro atópanse todos os datos precisos para poder realizala. Cabe recordar que os participantes que non están federados terán que facer a inscrición días antes da marcha, mentres que os que o estean, poderano facer inclusive o día do evento. No tocante a idade, pode participar calquera, aínda que se puxo un teito de 400 participantes desde a organización por motivos de control.
E é que o ciclismo está a gañar adeptos ano tras ano no noso concello. Este é o cuarto ano que o Club Ciclista de Ames está en pé, comezando só con 16 socios e chegando hoxe aos 42. Ademais, estase plantexando, en colaboración co Concello de Ames, realizar actividades relacionadas co ciclismo e, incluso, atopar unha nova figura neste deporte.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Marcha ciclista al monte Gaiás desde Ames"




