[04-10-2011] O pasado domingo 25 de setembro celebrouse na capital alemá a 38 edición do Maratón de Berlín, unha das carreiras populares máis famosas dentro do circuíto mundial de maratóns. Nesta ocasión, a proba contou con representación amiense, xa que tres corredores do equipo Club Atlético Bertarmiráns achegáronse a terras xermanas para participar nesta carreira, acabando con excelentes clasificacións.
José Cernadas, que se estreaba neste tipo de probas, acabou no posto 2.619 cun tempo de 3h 14'19", Manuel Gallego, que cumpría nesta proba o seu 25 maratón, acabou no posto 4.181 con 3h 24'41" e Mino Andrade que tamén conta no seu haber con varios maratóns, no posto 7.624 cun tempo de 3h 39'53". Cabe salientar que nesta edición se sumaron un total de 40.000 inscritos, dos cales acabaron a proba 32.987.
Hai que ter en conta que estamos a falar dun dos circuítos máis prezados para bater récords, tal e como ocorreu este ano no que o keniata Patrick Makau estableceu o tempo máis baixo da historia con 2h 03'38", podendo falar desta edición coma o maratón máis rápido da historia, tal e como recollían os medios de comunicación alemáns ao termo da carreira.
Este circuíto presenta unha topografía practicamente plana o que permite aos corredores manter un ritmo constante e mellorar marcas. Ademais, no caso do domingo acompañou a climatoloxía, cun día soleado e unhas temperaturas que oscilaban entre os 10 e os 18 graos, circunstancia que tamén explica a presenza de milleiros de berlineses e visitantes da cidade nas rúas para animar aos corredores.

Entre esta afección atopábase tamén un nutrido grupo de amienses que acompañaron aos tres corredores do Club Atlético Bertamiráns animándoos dende distintos puntos da carreira e na súa entrada a meta, situada baixo a espectacular porta de Brandenburgo, símbolo e centro neurálxico da capital xermana.
Finalmente, cómpre felicitar aos corredores que levaron o deporte galego, e máis en concreto amiense ata as rúas berlinesas amosando así que o atletismo non ten fronteiras e que o nivel do deporte no núcleo amiense de Bertamiráns se atopa nun óptimo nivel, podendo competir honrosamente en calquera proba internacional, como quedou patente o domingo en Berlín.


Contido relacionado

El Correo Gallego: "O Club Atlético Bertamiráns leva o atletismo amiense ás rúas berlinesas"




