[25-08-2014] A praia fluvial de Tapia acolleu este domingo, 24 de agosto, a XXIX edición do descenso do Tambre. Uns 300 deportistas, pertencentes a 13 clubs galegos, xuntáronse na tradicional baixada do Tambre. Jonathan Monteagudo, do SD As Xubias, logrou o primeiro posto na categoría sénior K-1 masculina, mentres que na categoría sénior K-1 feminina o primeiro posto foi para Elisa Ricoy, do club amiense piragüismo Ribeiras do Tambre. Na categoría C-1 sénior masculina gañou Diego Romero, do club Breogán do Grove. Esta proba está organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre en colaboración co Concello de Ames. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a lista de premiados na proba do descenso do Tambre e nas probas de circuíto da praia fluvial de Tapia.






Categoría cadete
Na categoría cadete, na modalidade masculina K-1 impúxose Martín del Río Viaño, do club Ribeiras do Tambre. Na segunda posición quedou Víctor Lage, do club Cabanas KDM, e a terceira posición do podio foi para Carlos Balsa, tamén do club Ribeiras do Tambre. Mentres que na modalidade K-1 cadete, pero categoría feminina, gañou Nerea López, do club Cabanas KDM. Na segunda posición quedou Lucia Cao, do club Ría Muros e Noia, e a terceira posición foi para Aldara Castro, do club de piragüismo de Narón.
Ademais, hai que destacar que o club amiense Ribeiras do Tambre proclamouse campión por equipos da vixésimo novena edición do descenso do Tambre cun total de 759 puntos. Na segunda posición quedou o club Ría Muros e Noia con 455 putos e terceiro foi o club de piragüismo de Narón con 443 puntos. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, foi o encargado de facer entrega dos premios do descenso do Tambre, mentres que o alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, fixeron entrega dos premios das probas de circuíto da praia fluvial de Tapia, que foron puntuables para a Liga Provincial.
Categoría xuvenil
Na categoría xuvenil K-1 masculina gañou Alejandro Pedreira do club SD As Xubias. A segunda posición foi para Diego Ávila, tamén do club SD As Xubias, e terceiro quedou Rui Santalla do club piragüismo Narón. Nesta mesma categoría, pero na modalidade feminina, a campioa foi a amiense Irene Mirás, do club Ribeiras do Tambre. O segundo posto foi para a amiense Andrea Tomé, tamén do club Ribeiras do Tambre, e na terceira posición quedou a padexeira, María Suárez, do club Ría Muros e Noia.
Por outro lado, na categoría xuvenil C-1 masculina o campión foi Iván Ferro, do club Náutico Pontecesures. A segunda posición foi para Iván Lameiro, do club amiense Ribeiras do Tambre, e terceiro quedou Miguel Ángel Blanco, do club piragüismo Narón.
Na categoría K-1 masculina de veteranos gañou Adolfo Monteaguado do club As Xubias. A segunda posición do podio foi para Jorge Diéguez, do club Náutico de Pontecesures, e no terceiro posto quedou Humberto Fernández, do club Ría Muros e Noia.
Categoría sénior
Na categoría sénior K-1 masculina o gañador foi Jonathan Monteagudo, do SD As Xubias. Na segunda posición quedou Pedro Ferro, do club Náutico Pontecesures, e o terceiro en chegar a liña de meta foi o amiense Fernando Viaño, do club Ribeiras do Tambre. Nesta mesma categoría, pero na modalidade feminina, o primeiro posto foi para Elisa Ricoy, do club Ribeiras do Tambre. O segundo posto foi para Rut Otero, do club Breogán do Grove, e terceira quedou María Carmen Bueno, do club Ría Muros e Noia.
Por outra banda, na categoría C-1 sénior masculina gañou Diego Romero, do club Breogán do Grove. A segunda posición foi para Francisco Rodríguez, tamén do club Breogán do Grove, e na terceira posición quedou Aaron Casás, do club Cabanas KDM.
Un ano máis o río Tambre volveu a encherse de piraguas e canoas. Foron moitos os veciños de Ames que se achegaron ata a área recreativa de Tapia para gozar do piragüismo e ver aos mellores padexeiros e padexeiras de Galicia, que se deron cita na XXIX edición do descenso do Tambre. Arredor de 300 padexeiros/as, pertencentes a 13 clubs galegos, competiron por alzarse cos premios nas distintas categorías. A baixada do Tambre, organizada polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre xunto co Concello de Ames é xa toda unha referencia para o piragüismo galego.
Na baixada desde a ponte de Portomouro ata a Praia Fluvial de Tapia participaron padexeiros das categorías cadete, júnior, sénior e veterano. Dentro destas categorías competiron arredor de 50 padexeiros e padexeiras que tiveron que percorrer unha distancia de 5.400 metros. Tampouco faltou o circuíto da praia fluvial, reservado ás categorías benxamín, alevín, infantil e cadete que percorreron 1.500 metros. Nas categorías de nenos/as participaron arredor de 250 padexeiros/as.




