- Tematica
O club Ames Atletismo vén de presentar unha nova edición do seu campus deportivo, que se celebrará en dúas quendas nos meses de xuño e setembro. O club seguirá adestrando tódalas disciplinas do atletismo dun xeito lúdico e adaptándose ás necesidades de cada atleta. Un ano máis, contará coa colaboración do Concello de Ames na cesión de instalacións deportivas e na promoción da programación deportiva.
Un ano máis, o club Ames Atletismo volve demostrar o seu compromiso coa formación deportiva mediante a realización deste campus estival orientado tanto a atletas do club como a novas incorporacións. No caso de deportistas que xa coñezan as disciplinas, será un xeito de comezar a tempada de forma divertida e relaxada. No caso de aqueles que aínda non probaron o deporte, o campus permitiralles achegarse a distintas modalidades desta disciplina: velocidade, saltos, lanzamentos, marcha, fondo..
O campus desenvolverase en dúas quendas durante o verán: a primeira será no mes de xuño, o 22, 23, 24, 25, 26, 29 e 30; a segunda, do 31 de agosto ao 4 de setembro. O emprazamento desta edición será o Centro de lanzamentos de Ames, en Biduído. En canto aos horarios, a recepción realizarase ás 8:30 horas, e as actividades terán lugar de 9:00 a 14:00 horas. Os rapaces e rapazas poderán ser recollidos entre as 14:00 e as 14:30 horas.
As inscricións para ambos campus xa están abertas. No caso da primeira quenda, o prazo remata o martes 16 de xuño e as inscricións poden facerse na seguinte ligazón, mentres que para a segunda, as inscricións pechan o martes 25 de agosto e poderán realizarse na seguinte ligazón. Poderán participar nesta actividade os nenos e nenas nados entre o 2022 e o 2012.
Os nenos e nenas que participen na actividade deberán estar equipados cada día con zapatillas, roupa deportiva, auga e merenda. Ademais, para os días nos que o clima o permita, deberán levar toalla, traxe de baño, gorro, gafas e chancletas. Para atopar máis información pódese acceder á web de Ames Atletismo premendo nesta ligazón ou escribir ao seu enderezo de correo electrónico amesatletismo@gmail.com.






