Pestanas principais

O clown galego Peter Punk presenta en Ames o seu espectáculo «Chungo, chungo que te cagas»

Mércores, 20 de febreiro de 2013

[20-02-2013] O pallaso galego Peter Punk presentará o venres 22 de febreiro, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo «Chungo, chungo que te cagas». O pallaso mostrará as súas habilidades coas mazas, bólas e aros. Fará figuras imposibles con globos de cores, dará volvas na súa monociclo e terminará con lume. "Chungo, chungo que te cagas" é a frase máxica deste artista, coa que lle anunciará ao público as máis complicadas rutinas, nunha persoal versión do "máis difícil aínda" dos directores de circo clásico. A montaxe, de 60 minutos de duración, está dirixida ao público familiar. As entradas poden reservarse ata o venres, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org

Con máis de 1.000 funcións en todo o Estado e en toda clase de programacións, Peter Punk é un dos clowns galegos de referencia, cun humor vándalo e fresco sen igual. Neste espectáculo de carácter cómico o artista transfórmase en Peter Punk, un personaxe imaxinario chegado do país de Nunca Máis. Como un neno que se nega a crecer, Peter Punk xoga en escena co público, coa palabra e, por suposto, con todos os aparellos que vai sacando da súa maleta. Un espectáculo sen tregua, cheo de humor e malabares, no cal a comicidade se mestura coa habilidade na procura da gargallada do público.

Durante 60 trepidantes minutos, Isaac Rodríguez, ou Peter Punk (que non é o mesmo pero é igual), mostrarannos a súa destreza con bólas, mazas, aros... fará incribles figuras de globoflexia nun tempo marca, dará boa conta da súa habilidade sobre o monociclo e, como peche, porá en perigo a súa vida (e a de boa parte do respectable) nun final con fachos de lume. E todo isto sen esquecer o humor... Un espectáculo multidisciplinar e cheo de alicientes para facernos pasar un bo momento.

Peter Punk é un dos clowns e humoristas máis destacados e programados en Galicia nestes últimos anos. Gañador do Festiclown 2008, con xiras por Brasil, Italia, Portugal, Palestina, participante nas máis importantes citas de clown do Estado (Cataluña, Baleares, Madrid, Euskadi, Andalucía…) e con Galicia enteira percorrida na procura das gargalladas de pequenos e adultos.

As entradas para asistir á función teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o venres, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que non se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Peter Punk presenta en Ames o seu espectáculo Chungo, chungo que te cagas"