O Motoclub Ameixenda, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza este domingo, 5 de maio, a segunda proba do Supercross Galego 2019. O Gran premio Concello de Ames é un evento deportivo a nivel autonómico, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte segundo a Lei 3/2012. Nesta proba que se desenvolverá no circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, participarán arredor de 60 pilotos de supercross de toda Galicia.
Un ano máis, e xa van cinco de xeito consecutivo, o circuíto SX “Alex de Moure”, situado no lugar do Vilar na parroquia da Ameixenda, volve acoller unha proba de supercross. O Motoclub Ameixenda organiza este domingo, 5 de maio, o Gran premio Concello de Ames. Trátase da segunda proba do Supercross Galego 2019, que conta cun total de 10 probas. O Gran Premio Concello de Ames é un evento deportivo, non oficial, non federado, de acordo coa actual normativa galega do deporte segundo a Lei 3/2012.
Para a organización de dita proba o Motoclub Ameixenda conta coa colaboración do Concello de Ames, a Agrupación de Protección Civil de Ames, a Deputación da Coruña e o Salón de Beleza Paula, situado en Bertamiráns. Os/as participantes, que se inscriban nesta proba de supercross, estarán divididos/as en nove categorías diferentes: elite, veteranos, promoción, promesas 85cc, alevín 50cc, alevín 65cc, féminas, pitbike e hobby que son os que se inician neste deporte.
Pola mañá, entre as 9:00 e as 11:00 horas, desenvolveranse as verificacións técnicas e administrativas. De seguido, a partir das 11:00 horas, os pilotos participarán nos adestramentos libres e de clasificación. Este é o momento no que os deportistas toman contacto coa pista na que van ter que competir e mostrar as súas habilidades. Ás 16:00 horas dará comezo a proba que se compón de dúas mangas por categoría. Ao remate da proba realizarase a entrega de trofeos.
Circuíto SX Alex de Moure
Esta proba desenvolverase no circuíto SX “Alex de Moure”, que dispón dunha pista de 680 metros por 5 de ancho e diferentes saltos: mesetas, dobres, etc. Este recinto de máis de 17.000 metros cadrados conta cun amplo aparcadoiro, situado a escasos metros da pista de competición, e cunhas condicións óptimas tanto para a práctica do deporte como para contemplación desta modalidade deportiva.
O pasado 18 de abril disputouse o SX Abelleira. Esta fin de semana é o SX Ameixenda. Despois desta proba disputaranse o 9 de xuño o SX Rebordelos; o 22 de xuño o SX A Estrada; o 29 de xuño o SX Gomesende; o 6 de xullo o SX Carral; o 25 de agosto o SX Dodro; o 14 de setembro o SX Alfoz; o 21 de setembro o II SX Abelleira; e o 6 de outubro o III SX Abelleira. Para obter máis información pódese acceder á páxina web: http://motoclubeameixenda.gal/
Ligazóns
- La Voz de Galicia: "El circuito Álex Moure acoge este domingo una prueba del Supercross Galego"
- El Correo Gallego: "Ames acoge la segunda prueba del Supercrós"






