[05-10-2016] O Circuíto Galego de Teatro Amador, organizado pola asociación galega Fanfarra de Soños e promovido pola Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), fará catro paradas en Ames os sábados 8, 22 e 28 de outubro e 5 de novembro. Catro compañías de teatro afeccionado, a Asociación Teatral “Paso de Valverde”, “Trécola Teatro”, “O aturuxo de Malpómene” e a propia “Fanfarra de Soños” representarán obras creadas para un público infantil e familiar. A entrada as representacións é gratuíta. Esta é a primeira vez que se organiza en Ames este circuíto de teatro dedicado ao público infantil.
Os auditorios dos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro acollen durante o mes de outubro, e na primeira semana de novembro, catro funcións teatrais para público infantil e familiar. As pezas están programadas ao abeiro do Circuíto Galego de Teatro Amador, unha iniciativa que programa en toda Galicia funcións de teatro afeccionado. Todas as representacións terán lugar ás 18:00 horas e as entradas serán sempre gratuítas.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca que “esta é a primeira vez que se organiza en Ames este circuíto de teatro dedicado ao público infantil”. Ademais “agradécelle á asociación galega Fanfarra de Soños e á Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) por lembrarse de Ames para desenvolver este circuíto xa que conta cun público infantil moi amplo”.
A primeira compañía que recalará en Ames é a Asociación Teatral “Paso de Valverde”. Esta compañía de Arteixo representará no auditorio do Milladoiro a obra Un día no circo o sábado 8 de setembro. A peza está dirixida por Xavier Ramilo, que é a súa vez actor protagonista xunto con Paulo Serantes e Antón L. Rico. A personaxe principal desta historia, Chukiño, é un rapaz fascinado polo circo. Cando descubre que unha compañía circense acudirá á súa vila corre avisar aos seus amigos e a coller o sitios máis próximo á pista. O que non sabe é que por mor dos difíciles tempos que atravesan os membros do circo a representación corre perigo de suspenderse.
O sábado 22 o auditorio de Bertamiráns acolle á compañía ourensá “Trécola Teatro”, que acude para representar a súa obra Cling. Un percorrido pola historia do ser humano a través das súas relacións comerciais, que é tamén unha historia dende as orixes da moeda. O día 23 a compañía “O aturuxo de Melpómene” presentará no auditorio do Milladoiro Misterios. A protagonista desta peza, unha nena chamada Mara, busca respostas ás preguntas e misterios cos que se atopa no seu día a día.
Haberá unha representación en novembro
A última representación deste circuíto teatral terá lugar o sábado 5 de novembro, no auditorio de Bertamiráns. Os membros da compostelá “Fanfarra Teatro” acoden coa súa peza “O soñador de historias”. O rato Sebastián, un dos protagonistas, recibe cada noite as visitas do vello bibliotecario e escritor Braulio. Braulio escoita falar a Sebastián en soños, e nun caderno apunta todas as historias que a imaxinación desmedida do rato crea mentres este durme.
O Circuíto Galego de Teatro Amador leva cada ano arredor de 60 obras de teatro, que se representan en distintas localidades da xeografía galega. Esta iniciativa parte da Asociación galega Fanfarra de Soños, compañía que dende fai oito anos emprega as artes escénicas como ferramenta de comunicación e difusión cultural. O circuíto é promovido por FEGATEA, unha entidade que nace para promover o teatro afeccionado, cun espazo propio nos circuítos teatrais. Da colaboración entre Fanfarra de Soños, a FEGATEA e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nace esta programación, que aumenta a oferta teatral á par que permite ás asociacións de teatro amosar o seu traballo e as súas creacións.




