Pestanas principais

O cinefórum “Fascismo e represión. Xustiza e reparación” bota a andar este xoves no IESP de Ames ao abeiro do proxecto europeo “En paradoiro descoñecido”

Luns, 01 de abril de 2019

Os departamentos de Filosofía e Xeografía e Historia do IESP de Ames coordinan un cinefórum de catro sesións centrado no franquismo e a transición española, no que participan diversos departamentos do centro. Cada unha destas sesións constará do visionado dunha película referente a dito tema, e un posterior coloquio no que os participantes debaterán sobre o reflectido no correspondente filme. Esta iniciativa comeza este xoves, 4 de abril, coa proxección da película “Las trece rosas”, que terá lugar no Salón de Actos do centro ás 17.00 horas. A actividade está englobada no proxecto internacional “En paradoiro descoñecido”, no que participan 20 IES de España e Francia.

O Salón de Actos do instituto de Bertamiráns acolle entre os días 4 de abril e 5 de maio un cinefórum titulado “Fascismo e represión. Xustiza e reparación”. O ciclo consta dun total de catro sesións nas que os participantes visionarán catro películas que recollen diversos feitos acaecidos dende 1939 ata 1981. Trala proxección, que comezará ás 17.00 horas, realizarase un coloquio no que se debaterán os feitos plasmados nos filmes e os ecos que teñen na actualidade.

Esta iniciativa realizase ao abeiro do proxecto internacional “En paradoiro descoñecido”, no que colaboran unha vintena de institutos de educación secundaria de Francia e España a través de eTwinning, a comunidade de centros escolares de Europa. O obxectivo deste programa é que a mocidade non esqueza a súa memoria histórica, para o que se busca a súa participación mediante a sensibilización e implicación na herdanza cultural.

Así, a través desta actividade búscase que os mozos e mozas reflexionen sobre temas como a forma en que se exerceu a represión e a violencia durante o franquismo e a transición, a maneira en que foron tratados os distintos feitos nesa época, e as repercusións que tiveron nas liberdades e dereitos das persoas. Mediante estas reflexións tentase fomentar un pensamento libre e rescatar da memoria ás vítimas que aínda seguen en paradoiro descoñecido.

O programa comeza no IESP de Ames este xoves, 4 de abril, coa exhibición da película “Las 13 rosas”, a que seguirán “Siete días de enero” o xoves 11, “El caso Almería” o xoves 25, e o documental “El silencio de otros” o 2 de maio. A actividade é de participación aberta.

A historia no cine
A película escollida para inaugurar este cinefórum, “Las 13 rosas”, relata os últimos días de vida destas 13 militantes das Xuventudes Socialistas Unificadas. Vítimas dunha persecución recrudecida tralo asasinato de Isaac Gabaldón, comandante da Garda Civil, foron fusiladas xunto a 43 homes o 5 de agosto de 1939, tras ser condenadas a morte baixo a acusación de adhesión á rebelión. A película gañou 4 Goyas na edición de 2007.

A protagonista da segunda sesión deste ciclo será “7 días de enero”, unha reconstrución do atentado perpetrado en 1977 polo grupo de ultradereita Triple A contra un despacho de abogados laboristas vinculados ao Partido Comunista e a Comisións Obreiras. O atentado saldouse coa morte de cinco traballadores do bufete e catro malferidos, o que supuxo un dos episodios máis sanguinarios da transición.

O programa continuará coa proxección de “El caso Almería”, onde se representa a historia de tres mozos cántabros que, durante o viaxe de Santander a Almería que os levaría á comuñón do irmán dun deles, foron torturados e asasinados por membros das Garda Civil no ano 1981, ao confundilos con tres etarras que perpetraron o asasinato do Xefe do Cuarto Militar do Rei.

Por último, a película encargada de pechar este ciclo será “El silencio de los otros”, un documental no que se conta a búsqueda iniciada polos familiares das persoas desaparecidas durante o franquismo. Un traballo incesante no só por atopar e identificar os corpos, senón tamén por presentar aos responsables ante a xustiza. Este traballo, rodado ao longo de seis anos, foi premiado como mellor documental no 2018 no Festival de Berlín, nos Premios Goya e nos Premios Forqué 2018.

Ligazóns

O cinefórum “Fascismo e represión. Xustiza e reparación” bota a andar este xoves no IESP de Ames ao abeiro do proxecto europeo “En paradoiro descoñecido”