Pestanas principais

O CIM de Ames pon en marcha un programa de intervención terapéutica, accións socioeducativas e obradoiros dirixidos a prevención e tratamento integral da violencia de xénero

Venres, 31 de agosto de 2018

[31-08-2018] Co obxectivo de dar asesoramento as mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, o Centro de Información á Muller (CIM) de Ames pon en marcha un programa enfocado ao empoderamento da muller para a prevención e o tratamento integral das violencias machistas, a través da intervención terapéutica e de diferentes accións psicoeducativas. O programa, que conta con tres tipos de actuacións (grupos de traballo, mañás temáticas e tardes temáticas), ofrece ferramentas que favorezan cambios nas vidas persoais e familiares imprescindibles para asegurar a recuperación integral da muller e poder, así, comezar un novo proxecto vital.

O CIM de Ames desenvolverá o programa a partir do mes de setembro, con diferentes actuacións para as mulleres que sofren violencia ou que están en risco de sufrila, facendo fincapé tamén na prevención da mesma. Así, nos grupos de traballo desenvolverase a intervención de carácter terapéutico destinada a este colectivo. Ao longo de 10 sesións traballaranse as competencias emocionais e sociais , partindo dunha análise de necesidades que se fai o comezo de cada grupo. Búscase así a creación dun espazo de confort e confianza no que abordar transversal e explicitamente as súas competencias emocionais e sociais.

Outra das actuacións que recolle o programa son as mañás temáticas. Terán lugar dous días á semana e están dirixidas ás mulleres do grupo de traballo e intervención terapéutica e tamén a mulleres do concello de Ames que, pola súa situación ou risco de vulnerabilidade, requiran deste tipo de intervencións. Nas mañás temáticas traballarase mediante obradoiros competencias relativas ao desenvolvemento persoal , ao benestar integral e á promoción da saúde das mulleres participantes. O obxectivo é reducir a prevalencia e severidade dos danos causados na saúde, tanto física como emocional ,causados pola violencia contra as mulleres, poñendo especial énfase en aquelas que se atopan en situación de maior risco ou vulnerabilidade.

Tardes temáticas
O último dos bloque que se desenvolverá a través deste programa son as tardes temáticas, coa realización de catro obradoiros, todos os xoves do mes de setembro, dirixidos a todas as mulleres de Ames que queiran participar. Neles traballaranse competencias emocionais e sociais para o benestar e terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns en horario de 17.00 a 19.00 horas.

A programación desta serie de obradoiros comezará o xoves 6 de setembro con ‘Ioga: corporalidade consciente’. O segundo, que se desenvolverá o día 13, versará sobre ‘A sexualidade: claves para mellorar a comunicación en parella’, mentres que o do día 20 xirará en torno ao benestar e a nutrición, e como sentirse mellor a través da alimentación. Este grupo de sesións rematará o día 27 co obradoiro ‘Benestar en movemento’.

Todas aquelas interesadas en participar nesta actividade poderán inscribirse de forma gratuíta nos teléfonos 981 53 59 41 ou 981 89 09 64, onde tamén poderán obter máis información.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Un programa para a previr e tratar as violencias machistas co CIM amesán"