[27-01-2016] Os días 15 e 16 de xaneiro o CIM de Ames acolleu un grupo de mulleres e os seus fillos e fillas, participantes do programa "Desconexión". Esta actividade, promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade, busca reforzar os vínculos materno-filiais e traballar con mulleres vítimas da violencia machista cos seus fillos e fillas, ofrecéndolles formar parte de actividades lúdicas e terapéuticas pensadas para reforzar a súa autoestima, os lazos que manteñen entre eles e deixar atrás sentimentos de culpabilidade ou frustración.
O venres 15, pola tarde, realizaronse varios obradoiros cos participantes. O sábado 16, pola mañá, tivo lugar unha xornada lúdico-terapéutica e de convivencia que rematou cun xantar para todos os asistentes.
O programa "Desconexión" busca crear momentos de ocio compartidos entre as mulleres e os seus fillos e fillas, enfocando as actividades terapéuticas de xeito lúdico e participativo. Eses momentos de ocio están pensados para que elas e eles consigan deixar atrás episodios de violencia machista, superándoos á vez que se traballa nos sentimentos que lles provocaron a uns e a outros e buscando fomentar a comunicación das nais cos seus fillos e fillas acerca deste tema. Tamén para dar un pulo á educación na igualdade, evitando que as vítimas ou outras potenciais vítimas poidan sufrir de novo as consecuencias de calquera forma de violencia de xénero.
Ames forma parte da "Rede de Entidades locais contra a violencia de xénero", unha iniciativa que parte da colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). A concelleira de Servicios Sociais e Igualdade de Ames, Luísa Feijóo, declarou respecto ao programa que se trata dunha actividade "enmarcada nos obxectivos de prevención, información, formación e asistencia directa ás vítimas da violencia de xénero e ás súas fillas e fillos, e a todas aquelas que poidan estar en risco de selo. "




