[21-09-2018] A asociación Otro tiempo, coa colaboración do Concello de Ames e o CIM, está a organizar un curso orientado ás mulleres amesás e centrado en mellorar o seu manexo da informática e as novas tecnoloxías para a busca de emprego. Dito programa impartirase, de forma gratuíta, do día 1 ao 11 de outubro en Bertamiráns, e do 16 ao 26 no Milladoiro.
Ao longo do curso, orientarase ás alumnas no manexo de ferramentas informáticas e tentarase que se familiaricen coas novas tecnoloxías co obxectivo de que rematen cos coñecementos necesarios para utilizar a Internet de forma correcta na procura de emprego. Deste xeito, preténdese romper co que se coñece como “fenda dixital”, o estereotipo de que as mulleres son o grupo con teñen maiores dificultades no uso da informática.
Asemade, o curso estará composto por sesións dedicadas ao uso das redes sociais e o ensino dunhas pautas para navegar co móbil de xeito seguro, así como dotar ás mulleres de ferramentas de comunicación para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Ao longo do curso, as alumnas tamén poderán asistir a titorías individuais para solucionar as dubidas que se lles presenten ao longo das clases.
O curso impartirase en dúas quendas, co obxectivo de facilitar á veciñanza o acceso ao mesmo. Así, do 1 ao 11 de outubro realizarase na aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 9.30 a 13.30 horas. A segunda quenda terá lugar na aula de informática da Casa da Cultura do Milladoiro entre os días 16 e 26 de outubro, de 9.30 a 13.30 horas.
As mulleres interesadas en asistir deberán cubrir e enviar ao correo electrónico cim@concellodeames.gal a ficha de inscrición que se pode atopar premendo á dereita desta páxina, baixo o apartado de descargas. Tamén é posible inscribirse a través do teléfono 699 080 821 ou de forma presencial na oficina do CIM en Bertamiráns.
Os cursos están organizados pola organización feminista Otro Tiempo, coa colaboración do Concello de Ames, o Centro de Información da Muller e a aula CeMIT de Ames. Asemade, o proxecto está financiado polo Ministerio de Sanidade, Servicios Sociais e Igualdade e a Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social.







