Pestanas principais

O ciclo “O país das bandas” chega a Ames da man do Ateneo Musical de Negreira

Venres, 24 de setembro de 2021

“O país das bandas” chega a Ames este domingo 26 de setembro. O Ateneo Musical de Negreira será a encargada de amenizar a xornada dominical. A actuación terá lugar ás 13:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para asistir será por orde de chegada ata completar aforo.

O programa “O país das bandas” está promovido pola Federación Galega de Bandas de Música Populares e a Xunta de Galicia co obxectivo de servir de motor para a recuperación da actividade das bandas de música. Con tal fin, deseñouse un calendario de preto de cen concertos a cargo de 77 agrupacións, que percorrerán Galicia entre os meses de xullo e setembro no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22.

O domingo 26 “O país das bandas” aterra en Ames logo de percorrer uns 80 municipios galegos. Será cunha actuación da Banda Ateneo Musical de Negreira que se vai celebrar ás 13:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A actuación que estaba prevista para a Praza da Maía tivo que ser trasladada por mor da choiva.

A Banda Ateneo Musical de Negreira fundouse no ano 1998 por Vicente Martín Arastey. Arestora a banda está formada por uns 40 músicos saídos todos eles da Escola de Música de Negreira. Ao longo destes anos a banda percorreu concertos, certames e festas populares con numerosas actuacións por toda Galicia.

Para asistir non fai falla entrada ou convite, será por orde de chegada ata completar aforo.

“O país das bandas” pechará o seu percorrido pola nosa comunidade o vindeiro xoves 30 de setembro en Betanzos. Péchase, así, un ciclo en que participaron máis de 3600 músicos.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "O país das bandas traerá a Ateneo de Negreira o 26"

O ciclo “O país das bandas” chega a Ames da man do Ateneo Musical de Negreira