Pestanas principais

O Ciclo Mestre Mateo achega a Ames “Malencolía”, gañadora de dous galardóns, o mércores 19 de outubro

Venres, 14 de outubro de 2022

A Concellaría de Cultura prosegue en outubro co Ciclo Mestre Mateo, coa proxección do filme “Malencolía”, nominado na categoría de mellor longametraxe nos XX Premios Mestre Mateo e premiada nas categorías de interpretación de reparto feminina e masculina. A película conta a historia de Sira e Pepe, unha parella que tras vivir unha década en Berlín decide voltar a Galicia e mercar unha casa nunha aldea a priori deshabitada en Ourense. Será o próximo mércores 19 de outubro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Malencolía” está protagonizada por Sira e Pepe, unha parella de emigrantes que levan en Berlín preto dunha década, e que deciden deixar a capital alemá para volver a Galicia, fartos da precariedade e do frenesí da cidade. Co fin de cumprir este obxectivo, atopan e compran unha casa na aldea abandonada de Lupián, na provincia de Ourense.

Unha vez chegados á aldea para comezar a súa nova vida, descobren con sorpresa que teñen unha peculiar señora chamada Isolina, coa que manterán unha estraña relación rodeada de eventos desconcertantes.

O filme, dirixido por Alfonso Zarauza, é unha produción de Maruxiña Film Company e TVG, e recibiu dous galardóns nos XX Premios Mestre Mateo, nas categorías de mellor interpretación de reparto feminina (Iolanda Muíños) e masculina (Diego Anido). Ademais, recibiu outras sete nominacións na última edición destes premios.

Ciclo Mestre Mateo

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, é un dos cinco municipios da provincia da Coruña que forman parte do circuíto de cinema Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa conxunta da Academia Galega do Audiovisual e das catro deputacións para achegar os proxectos cinematográficos máis destacados de Galicia aos concellos e as vilas, aos que habitualmente non chegan as producións que participan nestes premios. Neste senso, o Ciclo Mestre Mateo colabora tamén coa Secretaría Xeral de Emigración para levar proxeccións ás comunidades galegas do exterior.

En total, e ao longo do 2022, o Ciclo Mestre Mateo presentará oito producións finalistas nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe desta edición dos Premios Mestre Mateo, que se irán desvelando a principios de cada mes. Deste xeito, as películas que se poderán ver en Ames serán os documentais “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Jacinto”, “Malencolía” e “Tres”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Programan a proxección do filme ‘Malencolía’ o 19"

O Ciclo Mestre Mateo achega a Ames “Malencolía”, gañadora de dous galardóns, o mércores 19 de outubro

Multimedia

  • O Ciclo Mestre Mateo achega a Ames “Malencolía”, gañadora de dous galardóns, o mércores 19 de outubro
  • O Ciclo Mestre Mateo achega a Ames “Malencolía”, gañadora de dous galardóns, o mércores 19 de outubro