Pestanas principais

O ciclo de Cinema Documental prosegue o mércores 17 de novembro con “Nación”

Xoves, 11 de novembro de 2021

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames continúa a súa aposta polo cinema galego programando “Nación” de Margarita Ledo. A proxección terá lugar o mércores 17 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. O ciclo inclúe un encontro coa cineasta Margarita Ledo. Os convites gratuítos xa están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Nación” é a nova proposta da consagrada directora e cineasta galega Margarita Ledo. Este documental aterra en Ames logo da súa presentación o pasado ano, na 18º edición do Festival de Sevilla.

O documental narra en 92 minutos a historia das mulleres traballadoras da fábrica de cerámica da Pontesa, ao tempo que constrúe unha historia feminina de precariedade, de loita colectiva, de procura de dereitos e da autoestima: en definitiva, de facer “nación”. Margarita Ledo recolle nesta obra o moito que tardaron as mulleres en abrirse un oco no mundo laboral e, polo tanto, en ser independentes. “Nación” é unha defensa da muller pero, sobre todo, da muller obreira.

A proxección será o mércores 17 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Antes do comezo da proxección, haberá un coloquio coa directora do filme, Margarita Ledo. Os convites gratuítos xa están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames.

Esta proxección forma parte da programación cultural do Concello de Ames para este último trimestre do 2021. O itinerario continúa coa representación de “Bernarda”, unha obra de teatro para adultos de Malasombra Producións, o venres 19 de novembro ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "A loita feminina chega co traballo documental de Margarita Ledo a Bertamiráns o 17"

O ciclo de Cinema Documental prosegue o mércores 17 de novembro con “Nación”

Multimedia

  • O ciclo de Cinema Documental prosegue o mércores 17 de novembro con “Nación”
  • O ciclo de Cinema Documental prosegue o mércores 17 de novembro con “Nación”